A XUNTA PON TODOS OS MEDIOS DO SERGAS AO SERVIZO DA COBERTURA DAS PRAZAS DE TRAUMATOLOXÍA EN VALDEORRAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 11 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, Félix Rubial, mantiveron hoxe reunións cos representantes dos concellos do distrito sanitario e cos representantes do persoal do Hospital Público de Valdeorras, para informarlles das decisións e actuacións tomadas pola Xunta para reforzar a asistencia sanitaria neste hospital.
 
O conselleiro trasladou a absoluta prioridade que a Xunta lle dá á cobertura continuada do servizo de traumatoloxía deste hospital, que leva meses con problemas derivados da falta de persoal. En consecuencia, anunciou que o Goberno galego ten arbitrado un sistema para poñer todos os recursos do Servizo Galego de Saúde ao servizo deste fin. Así, en diálogo cos servizos de Traumatoloxía de todas as áreas sanitarias, tense arbitrado un sistema polo que, a partir de xaneiro, persoal de toda Galicia rotará para cubrir tanto a atención ordinaria como as gardas deste servizo no hospital valdeorrés, garantindo unha asistencia sanitaria continuada ata que as tres prazas do servizo non se cubran de xeito definitivo. Xa con anterioridade, no mes de decembro, incorporarase un novo traumatólogo.
 
En paralelo, o representante autonómico trasladou tamén a sinatura dun convenio cun centro sanitario de Ponferrada (o Hospital de la Reina) para que profesionais do mesmo acudan a pasar consulta ao Hospital Público de Valdeorras, reforzando deste xeito o servizo para permitir recuperar a actividade demorada neste tempo. En virtude deste acordo, no último mes atendéronse case 400 pacientes de traumatoloxía e máis de 1.000 de rehabilitación.
 
García Comesaña trasladou, tanto a representantes sindicais como municipais, que a Xunta seguirá traballando nesta liña, xa desenvolvida durante a fase aguda da pandemia, de concibir os recursos do Sergas como un ‘hospital único’, no que os distintos centros se apoian para garantir a cobertura sanitaria de todo o territorio galego. Tamén afirmou que se seguirán a buscar vías de colaboración con outros centros, públicos e privados, da área de Ponferrada, para seguir reforzando esta e outras especialidades.
 
Ademais, o conselleiro transmitiu que a Xunta de Galicia está incentivando a cobertura de prazas en hospitais comarcais coma o valdeorrés. Desde 2019, o tempo de servizo nestes hospitais proporciona aos profesional unha puntuación extra nos baremos das ofertas públicas de emprego ou nas listas de contratación. De xeito complementario, desde este 2021, a prestación de servizos en hospitais coma este tamén outorga puntos adicionais para obter un grao máis avanzado na carreira profesional, mellorando así as retribucións do persoal que teña exercido nestes hospitais. Por outra banda, lembrou que a Xunta ten demandado do Ministerio de Sanidade o cumprimento de acordos adoptados no Consello Interterritorial de Saúde no ano 2018, que contemplaban unha modificación legal para incentivar a provisión de prazas de difícil cobertura que aínda non se levou a cabo.
 
Reforzo das infraestruturas e do equipamento en Valdeorras
Nas reunións de hoxe deuse traslado tamén do inminente inicio das obras de reforma do Hospital de Valdeorras: tanto o reinicio da obra de consultas externas (adxudicada por 454.000 euros e que sufriu un retardo derivado da necesidade de tramitación dun modificado que será resolta este mes), como o comezo da obra de reforma das áreas de hospital de día, cirurxía maior ambulatoria e farmacia. Esta segunda obra, adxudicada por 1,2 millóns de euros, estaba pendente da tramitación paralela dos contratos de dirección da execución da obra e de coordinación de seguridade e saúde, que foron adxudicados este mesmo luns, co que as obras poderán comezar en decembro e executarse durante o ano que vén, tal e como está dotado no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2022.
 
No referente ao equipamento tecnolóxico, o conselleiro de Sanidade lembrou a incorporación, este pasado agosto, dun equipo radiocirúrxico por importe de máis de 90.000 euros, e avanzou a incorporación, nesta mesma semana, de equipos de ecografía para os servizos de xinecoloxía e cardioloxía. A eles se unirán, unha vez se resolvan os correspondentes procesos centralizados de contratación, outros dous novos ecógrafos para os servizos de urxencias e radiodiagnóstico.
 
Finalmente, avanzouse que dentro do proceso de renovación e ampliación da tecnoloxía de alto diagnóstico contemplando no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2022, o hospital de Valdeorras recibirá un novo TAC.
 
Isto súmase ao equipamento, xa adxudicado por máis de 200.000 euros, para o reformado servizo de farmacia, ao equipamento de dixitalización da sala de raios x incorporado o ano pasado por máis de 48.000 euros, e a outro mobiliario clínico que está dentro de procesos de licitación centralizados en trámite, como 4 lámpadas cirúrxicas, un tomógrafo de coherencia óptica, un biómetro, un ergómetro ou 106 novas camas hospitalarias. En total, entre o ano 2020 e o 2022 terase investido máis dun millón de euros en equipamento para o reforzo deste hospital.
 
Reforzos de persoal
Pese as dificultades históricas para completar vacantes en diferentes especialidades, no Hospital Público de Valdeorras servizos como Hematoloxía, Oftalmoloxía, Otorrinolarongoloxía, Psiquiatría, Psicoloxía ou Microbioloxía, entre outros, están ao 100%, e en ningún caso se chegou a ter que suspender todas as intervencións cirúrxicas,  como pasou en 2006, por única vez na súa historia, por falta de anestesistas. Daquela cun único anestesista, sen posibilidades de apoio, e hoxe con tres e o obxectivo de contratar un cuarto.
 
Igualmente, desde este mesmo ano Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo conta con dous novos cirurxiáns, e traballase na contratación dun cuarto. Igualmente, o obxectivo é pasar de tres a cinco especialistas en Xinecoloxía e Obstetricia (o cuarto incorporarse de xeito inmediato), e cubrir as dúas novas prazas libres en Medicina Interna.
 
O cadro de persoal do Servizo de Urxencias aumentou de 11 a 12 médicos, e contratáronse dúas enfermeiras máis para o acompañamento de traslados de pacientes urxentes. Traslados que teñen garantido tanto o persoal médico e de enfermería necesario para acompañar aos pacientes que requiran unha derivación urxente, así como como coas necesarias ambulancias e UVIs móbiles.
 
Igualmente, púxose en marcha a Unidade de Hospitalización a Domicilio, para o que se contratou a un médico, especialista en xeriatría, e dispón dunha de enfermaría a tempo completo. O persoal de enfermería tamén se incrementou cunha enfermeira especialista, no marco do Plan Galego de Saúde Mental.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss