O SERGAS PARTICIPA NUNHA INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL PARA OBTER UNHA NOVA VACINA DA COVID19
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 11 2021
 

 

O servizo de Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Vigo participa nun estudo clínico internacional para o desenvolvemento dunha nova vacina fronte a covid-19.
 
Neste estudo multicéntrico, que xa está na fase previa a súa comercialización, a Fase III, participan 6 hospitais españois de 4 comunidades autónomas (Galicia, Valencia, Cataluña e Madrid). Ademais do Complexo vigués, a comunidade galega tamén está representada polo Complexo Hospitalario de Santiago.
 
Segundo explica o xefe do servizo de Medicina Preventiva, Victor del Campo “o obxecto desta investigación é desenvolver unha vacina diferente ás existentes actualmente no mercado; cun produto coadxuvante que mellore a resposta inmune e que, en definitiva, aporte un maior nivel de protección  e unha maior duración do tempo de protección”.
 
Vantaxes da nova vacina
Unha das principais novidades desta nova vacina é que está realizada fronte a virus diferentes ao de “Wuhan original”; isto é, que se espera aporte unha maior eficacia e cobertura  ante  as novas variantes e mutacións actuais do virus orixinal.
 
Outra das vantaxes é que non necesita conxelación e poderá conservarse en neveiras,  feito que facilitará a loxística da súa distribución e, “sobre todo, supón unha achega de gran transcendencia para os países de baixos ingresos, xa que hai que lembrar que no continente africano, por exemplo, tan solo un 10% da poboación está vacinada, e cunha sola dose”, explica o doutor del Campo.
 
Un cento de voluntarios
O servizo de Medicina Preventiva do Chuvi aportará 100 voluntarios da Área Sanitaria de Vigo a este estudo. Por isto, faise un chamamento á cidadanía para participar e  testar a viabilidade do soro. A única condición é que sexan maiores de 18 anos e que teñan inoculada a  pauta competa (as dúas doses de calquera das vacinas).
 
“Animamos á xente a participar neste proxecto, no que se garanten  todas as condicións de seguridade esixidas na lexislación. Sen dúbida, colaborar coa investigación e cos avances científicos e médicos supón, ademais dun beneficio persoal, un acto exemplarizante da máxima solidariedade, compromiso  e responsabilidade social”.
 
Os interesados poderán contactar directamente co servizo de Medicina Preventiva do hospital Álvaro Cunqueiro.
 
Investigación na Área sanitaria de Vigo
Nos últimos tempos, os profesionais da Área Sanitaria de Vigo veñen realizando unha intensa actividade na loita fronte á pandemia da Covid19, non solo no ámbito asistencial  senón tamén no docente e investigador.
 
Este estudo é unha nova liña das investigacións enmarcadas no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur; de feito, nestes momentos estase traballando nunha vintena de ensaios clínicos da Covid19, tanto no eido epidemiolóxico, terapéutico ou  efectos na saúde mental.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud