A UNIDADE DOCENTE MULTIDISCIPLINAR DE ATENCIÓN PRIMARIA DA ÁREA SANITARIA COMPOSTELÁ, ÚNICA GALEGA EN SER ACREDITADA SEGUNDO A NORMA ISO 9001:2015
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 12 2021

Santiago, 30 de novembro de 2021.- A unidade docente multidisciplinar de atención primaria da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza acaba de ser acreditada segundo a norma ISO 9001:2015, converténdose na única galega en conseguir este recoñecemento á calidade na formación sanitaria especializada aos profesionais en atención primaria tanto a facultativos como ao persoal de enfermaría.

 

A unidade, cuxo responsable é o doutor Sergio Cinza, conta con 83 titores nos centros de saúde e 46 colaboradores docentes nos Puntos de Atención Continuada (PAC) e 11 nos consultorios do rural, que forman, na actualidade, a 85 residentes (77 médicos e 8 enfermeiras). Este ano comezaron, como residentes de primeiro ano, 30 facultativos e 4 enfermeiras para formarse nas especialidades de medicina e enfermaría familiar a comunitaria, respectivamente.
 
Co compromiso da unidade e da xerencia da área sanitaria compostelá de seguir formando con calidade e aumentar o número de residentes para así dispor de máis médicos de familia, veñen de solicitar 40 prazas para formar facultativos en primaria,  10 máis,  á espera da resolución do Ministerio de Sanidad. O que si está confirmado é que se incorporarán 8 enfermeiras, 4 máis que este ano.
Exhaustiva auditoría
Para obter esta acreditación, a unidade docente pasou unha auditoría externa que realizou unha avaliación global da súa oferta formativa, para o que revisou exhaustivamente durante un proceso que durou 1 mes, aspectos da organización, os procedementos de control, a sistematización destes procedementos e o seu cumprimento.
 
Tamén analizaron os obxectivos de mellora, o compromiso do centro e da dirección no  labor docente así como as competencias de formación que teñen os titores e os colaboradores docentes.
 
Asemade, mediron a satisfacción dos residentes en relación con cada unha das súas rotacións nos distintos servizos. O 90,9% dos MIR e o 100% das EIR, valoraron con 4 puntos ou máis a súa satisfacción coa Unidade Docente, sobre un baremo de 5.
 
Nesta labor de acreditación destaca o traballo realizado por Sergio Cinza, Gerardo Atienza, e Azucena Prieto e, dende a dirección, Manolo Portela e Beatriz Pais.
 
En palabras de Sergio Cinza “esta acreditación supón un recoñecemento ao labor docente realizado pola unidade pero tamén polos profesionais de Atención Primaria y do hospital que colaboran coa docencia. A certificación serve para garantir que todos os nosos procesos son válidos, están correctamente programados e cumprimos coa nos propia planificación. É un exemplo de que o incremento de prazas non ten que influír negativamente na formación dos nosos futuros especialistas e que aínda que teñamos necesidade de profesionais en Atención Primaria, a súa formación ten que cumprir cos máis elevados estándares de calidade docente; polo que estamos moi satisfeitos con este recoñecemento xa que o obtivemos nun momento de incremento de prazas importante e comprobamos como isto non supón unha mingua na calidade docente”.
 
Saúdos,

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss