O CONSELLEIRO DE SANIDADE AGARDA QUE O GOBERNO CENTRAL CONTEMPLE AS PROPOSTAS DA XUNTA PARA A INCORPORACIÓN DE MÁIS PROFESIONAIS SANITARIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 12 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detallou hoxe, no Parlamento de Galicia, as propostas formuladas pola Xunta de Galicia ao Ministerio de Sanidade, e que agarda sexan atendidas, coa fin de incorporar máis profesionais e poder abordar o déficit de prazas común a todo o sistema sanitario nacional.
 
Unha das cuestións que o máximo responsable sanitario galego considera esencial é a convocatoria extraordinaria de máis prazas MIR. Neste sentido, trasladóuselle ao Goberno de España o acordo tomado no Parlamento galego con esta medida. O Executivo galego continúa, ademais, reiterando a necesidade da creación da especialidade de urxencias, que reclaman os profesionais, e sobre a que o Parlamento autonómico tamén se pronunciou.
 
Xunto ao anterior, a Xunta remitiu un total de 20 propostas, elaboradas coa colaboración dos xefes de estudo de formación especializada e das áreas sanitarias, destinadas a mellorar o programa formativo de Medicina Familiar e Comunitaria e facilitar a acreditación de máis unidades docentes. Ao respecto, o Goberno galego cre imprescindible incorporar formación sobre telemedicina e saúde dixital, así como cuestións relacionadas co envellecemento activo e a cronicidade.
 
Segundo o conselleiro, a Xunta tamén quere que os profesionais permanezan, unha vez rematada a súa formación, no ámbito da primaria, polo que estima necesario que, na etapa formativa, se incrementen os tempos nos centros de saúde. Asemade, García Comesaña suxire modificar cuestións relacionadas con determinados requisitos demasiado restritivos que exclúen aos centros de menor tamaño, como os do ámbito rural, e que impiden a acreditación de outros.
 
É preciso tamén, -proseguiu o conselleiro-, que os residentes estean dotados de maior autonomía e que poidan atender unha consulta sen presencia do seu titor e que isto se faga por máis tempo, ata agora limitado a dous meses.
 
Respecto do sistema de acreditación, a Xunta solicita que o sistema estea aberto de xeito permanente. Tamén pide eliminar a vinculación entre os dispositivos de atención primaria e os centros hospitalarios. Xunto ao anterior, o conselleiro cre importante que se elimine a vinculación do titor co dispositivo de atención primaria para a súa acreditación.
 
García Comesaña destacou que Galicia fixo un importante esforzo na renovación dos seus centros e considera que non se debe esixir un tempo mínimo de funcionamento para poder acreditar ao centro. Tamén estima que non debe establecerse un mínimo de profesionais por centro para ser acreditado, xa que isto prexudica a comunidades como a galega, con centros que atenden a cupos pequenos, pero imprescindibles para manter a calidade asistencial.
 
Igualmente, é preciso eliminar, -dixo García Comesaña-, a limitación segundo a carteira de servizos nos centros de saúde ou un número de camas mínimo nos hospitais, cando a formación podería completarse no ámbito da unidade docente. Así mesmo, o titular da carteira sanitaria sinala que, para poder avanzar dun xeito mais flexible, se constitúa un órgano que permita valorar todas estas medidas sen ter que superar todo o proceso normativo.
 
Medidas galegas
Tal e como subliñou o conselleiro na súa intervención no Parlamento, o obxectivo da Xunta, e do conxunto de comunidades, é seguir avanzando na reforma da atención primaria e dotar ao sistema dos profesionais necesarios. Por iso, o Executivo galego realizou propostas no ámbito estatal e tomou as medidas precisas dentro das súas competencias.
 
Para poder contar con mais profesionais e dotalos de estabilidade, a Xunta apostou, no ano 2019, pola implantación do nomeamento de continuidade, que permite consolidar no próximo ano, 86 prazas para aqueles profesionais que levan mais de tres anos con este contrato.
 
Para 2022, a Xunta incluiu, tamén, a proposta de desenvolvemento das funcións dos médicos técnicos en saúde, que poderán levar a cabo funcións de apoio en primaria, como a xestión das Incapacidades temporais. Ademais, o Goberno galego creou a categoría de facultativo especialista en atención primaria, que facilitará o acceso a máis profesionais ao sistema e permitirá complementar a actividade ordinaria, a través dunha prestación mixta, coa atención nos puntos de atención continuada.
 
Así mesmo, no ámbito formativo, a finais do mes de novembro, a Xunta publicou o proxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada,  que ten como obxectivo establecer as medidas, mecanismos e estruturas docentes precisas para a formación dos especialistas. O texto, -dixo García Comesaña-, pretende regular e homoxeneizar o labor docente na formación dos especialistas médicos. Esta norma consolida a necesidade de recoñecer o traballo dos titores e dos xefes de estudos a efectos da carreira profesional, concursos de traslados ou procedementos similares.
 
No relativo aos médicos en formación, o conselleiro remarcou que Galicia remitiulle xa ao Ministerio de Sanidade toda a documentación para 64 novas prazas de formación para atención primaria, pasando de 142 a 206, o que supón un incremento do 45%, e que a Xunta solicita se incorporen a esta convocatoria.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud