O CONSELLEIRO DE SANIDADE REMARCA A APOSTA DO SERGAS POLO HOSPITAL DE VALDEORRAS CO INICIO DAS OBRAS DE REFORMA DAS ÁREAS DE FARMACIA, HOSPITAL DE DÍA E CIRURXÍA MAIOR AMBULATORIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 12 2021

 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, a aposta do Sergas polo Hospital de Valdeorras, que se concreta en máis investimentos para este centro dependente da rede sanitaria pública galega. Así, o conselleiro dixo que, neste mes, inícianse as obras de reforma das áreas de farmacia, hospital de día e cirurxía maior ambulatoria. Igualmente, nas vindeiras semanas, retomarase a obra de reforma da área de consultas externas. En total, dixo García Comesaña, un investimento de máis de 1,6 millóns de euros para ampliar este hospital.
 
Ademais, entre o ano 2020 e o 2022 o Sergas terá investidos 1,5 millóns de euros en equipamento para o reforzo deste hospital. Por exemplo, -remarcou o conselleiro-, co contrato que está en trámite para renovar 106 camas hospitalarias no centro.
 
Outros investimentos destacados por García Comesaña para potenciar este hospital son, un novo equipo radiocirúrxico, mercado este mesmo ano; a incorporación de dous ecógrafos este mes en cardioloxía e xinecoloxía, e outros dous máis para urxencias e radiodiagnóstico, que se incorporarán o ano próximo.
 
Respecto do servizo de traumatoloxía, cun só profesional en activo, o conselleiro remarcou a importancia da decisión adoptada pola Xunta segundo a cal, mentres o Sergas non cubra de xeito estable esas prazas, traumatólogos de todas as áreas rotarán para asegurar a cobertura sanitaria da comarca. Trátase dunha solución novidosa que implicou falar cos servizos de traumatoloxía de todas ás áreas sanitarias galegas e marcar como prioridade para todos eles a garantía da cobertura neste hospital.
 
Por tanto, -remarcou o conselleiro-, o Hospital Público de Valdeorras está a experimentar melloras a nivel de cobertura de persoal, de infraestruturas e de equipos.
 
Tamén subliñou o conselleiro que o Sergas está a premiar o exercicio profesional en hospitais como o de Valdeorras e, así, os profesionais que optan por traballar nel teñen máis puntuación para as ofertas de emprego, para as listas de contratación e para a carreira profesional. Incidiu tamén na necesidade de que o Goberno central lexisle sobre os incentivos á cobertura de prazas de difícil cobertura, dando cumprimento a un acordo unánime do Consello Interterritorial de Saúde de abril de 2018.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud