O SERGAS PUBLICA O MODELO DEFINITIVO DE RESPOSTAS E AS PUNTUACIÓNS PROVISIONAIS DA OPOSICIÓN PARA O INGRESO EN 48 CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 12 2021
 

​O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de médico de urxencias hospitalarias, médico asistencial do 061, médico de admisión e documentación clínica e 39 especialidades de facultativo de área: alergoloxía, análises clínicas, anatomía patoloxía, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía torácica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría.

Ofértanse un total de 1.311 prazas, das cales 996 corresponden a persoal licenciado sanitario e 315 a persoal técnico de formación profesional. Superaron a fase de oposición do proceso 3.538 persoas aspirantes.
 
Mañá publicarase o modelo definitivo de respostas e as puntuacións provisionais da fase de oposición das categorías de técnico de farmacia, técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico, técnico superior de imaxe para o diagnóstico, técnico superior de hixiene bucodental, técnico superior de  anatomía patolóxica e citoloxía e  técnico superior de radioterapia.
 
O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
 
As resolucións abren un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación, para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.
 
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
 
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os/as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.
 
Próximas actuacións
Rematados os prazos de reclamación previstos en cada unha das resolucións publicaranse, no Diario Oficial de Galicia, as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud