A XUNTA DESPREGARÁ EN TODA GALICIA UNHA PLATAFORMA TECNOLÓXICA QUE PERMITIRÁ RESOLVER A TOTALIDADE DAS CHAMADAS PERDIDAS EN MENOS DE DÚAS HORAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 12 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá no centro de saúde Os Mallos da Coruña, o despregue en 2022 do sistema  do sistema CRM100, co que o Servizo Galego de Saúde optimiza a xestión dos seus pacientes, e o que lle permitirá resolver o 100% das chamadas perdidas en menos de dúas horas.
 
No mes de xaneiro, o centro de saúde coruñés foi escollido para levar a cabo a pilotaxe do aplicativo CRM100, unha solución innovadora que permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais da atención primaria. Na actualidade, o sistema está instalado en 35 centros de saúde e, esta mesma semana, entrará en funcionamento noutros cinco. Durante o presente ano, o centro de saúde dos Mallos recibiu a través desta plataforma tecnolóxica máis de 18.700 chamadas entrantes, o que supón unha media de 72 chamadas ao día, cun tempo medio de resposta inferior aos 25 minutos.
 
Durante o acto, no que tamén participaron a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo; o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor;  e o xerente da área sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde; o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que “o obxectivo é que no 2022 este sistema estea xa despregado en toda a comunidade”.
 
Un aliado na xestión da pandemia
O consellerio de Sanidade cualificou de “moi bos” os resultados que se desprenden destes primeiros meses de actividade do sistema CRM100, así como a súa eficiencia na xestión dos pacientes. Neste senso, apuntou algúns dos rexistrados durante a xestión da actual pandemia sanitaria. 
 
Nomeadamente, as funcións automáticas coas que conta este aplicativo permitiron optimizar a monitorización dos pacientes con covid e dos seus contactos estreitos; o envío de máis de 154.000 enquisas para estudar os síntomas da covid persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación -con preto de 181.000 chamadas a teléfonos fixos de cidadáns cuxo télefono móbil non estaba identificado-; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-saúde.
 
Desde o vindeiro ano, a totalidade dos puntos de atención primaria galegos contarán cunha ferramenta de apoio que lles permitirá ter unha visión xeral dos perfís dos usuarios así como da súa actividade. Ademais, o Servizo Galego de Saúde ampliará as posibilidades que ofrece esta ferramenta tecnolóxica de xestión, estando previsto que sexa empregada como canle para levar a cabo campañas informativas de promoción da saúde, programas de cribado, ou de vacinación, entre outras. 
 
Un Plan Local de Saúde para Os Mallos
A Xunta de Galicia continúa traballar nun novo modelo organizativo e de xestión co ánimo de acadar unha atención primaria máis eficiente. Deste xeito, segue a desenvolver un modelo de atención mixto que conxuga a atención telefónica coa presencial; que integra os servizos de atención primaria e hospitalaria, no que se instauran novas axendas de calidade para todas as categorías profesionais, e onde ademais, se renovará de xeito integral a infraestrutura tecnolóxica do nivel asistencial máis próximo á cidadanía.
 
Entre as medidas nas que esta a traballar o departamento sanitario da Xunta de Galicia, destaca a elaboración de Plan Locais de Saúde. Unha follas de ruta específicas que arestora xa están a ser implementadas en 14 centros de saúde galegos e que contan cunha cuádrupla meta: mellores resultados en saúde, acadar uns maiores índices de satisfacción entre pacientes, mellorar o benestar dos profesionais e conseguir unha maior eficiencia e sustentabilidade do servizo.
 
Garcia Comesaña anunciou esta mañá a inminente posta en marcha do Plan de Saúde Local para o centro de saúde do Mallos. Un Plan que lle permitirá gozar dunha maior autonomía de xestión, potenciar a atención comunitaria e a integración dos procesos asistenciais, ademais de contar cunha atención domiciliaria proactiva ás necesidades da poboación.
 
Neste senso, o conselleiro de Sanidade agradeceu o compromiso e o traballo de todo o equipo de profesionais do centro, os seus pacientes, así como do conxunto de persoal directivo de atención primaria da Área Sanitaria da Coruña, destacando que o seu labor “redundará nunha mellor resposta aos pacientes”.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud