SANIDADE AMPLIA EN DÚAS SEMANAS A CAMPAÑA DE VACINACIÓN DA GRIPE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 12 2021

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, informou esta mañá en rolda prensa da decisión prorrogar en dúas semanas a campaña de vacinación contra a gripe,  que se estenderá até mediados do mes de xaneiro de 2022, ou até esgotar as doses dispoñibles.
 
O obxectivo desta medida é posibilitar que se poidan vacinar todas aquelas persoas que aínda non o fixeron ate o de agora, pertenzan ou non, aos grupos de poboación cuxa vacinación contra a gripe está indicada. Neste senso, e co ánimo de acadar o maior número de poboación vacinada posible, Sanidade activou tamén a posibilidade de vacinarse contra a gripe nos grandes recintos habilitados para vacinarse da covid-19.
 
Acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; e a subdirectora xeral de información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro, Carmen Durán trasladou os datos do balance parcial da campaña de vacinación contra gripe 2021.
 
Neste senso, sinalou que no que vai de campaña, o 72,3% da poboación galega con 65 ou máis anos xa se vacinou. Así, nestes momentos a porcentaxe de cobertura marca uns díxitos que incrementarían en case un punto os resultados finais da campaña do ano pasado. A porcentaxe de cobertura actual neste tramo de idade sitúase preto do 75% marcado como obxectivo polo departamento sanitario da Xunta. Ademais, con estas cifras provisionais de cobertura, Galicia superaría en máis de 12 puntos a media española, fixada en 59,8%.
 
Máis polo miúdo, no grupo de poboación con idades comprendidas entre os 65-69 anos xa se vacinou o 57,6% da poboación, no grupo 70-74 anos vacinouse o 66,2% e, no grupo de poboación con 75 ou máis anos o 79,7% de poboación xa está vacinada.
 
No que atinxe á vacinación dos profesionais sanitarios, este balance anticipado ao peche da campaña deixa unha cifras moi semellantes aos do ano pasado. Así, ao final de campaña do 2020 vacinaranse un total de  31.053 profesionais, polos 29.148 da actual campaña.
 
Con todo, onde se detectou un descenso de persoas vacinadas foi no caso das embarazadas, onde polo de agora se vacinaron 5.038 persoas, polas 7.792 da pasada campaña.
 
A directora xeral de Saúde Pública convidou a toda a poboación que aínda non se vacinou da gripe a facelo nas vindeiras datas, poñendo o foco naqueles persoas que integran os grupos de poboación diana. Ademais, lanzou unha mensaxe de agradecemento a todos os profesionais sanitarios, en especial ao persoal de enfermería, cuxo labor e esforzo está a protexer a saúde dos galegos e galegas.
 
Nesta mesma liña, Alberto Fuentes, subliñou que “a vacina é a mellor ferramenta  de prevención” para evitar as complicacións que pode ocasionar esta enfermidade de carácter infeccioso-respiratorio.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud