A XUNTA INICIA O TRÁMITE DE CATRO DECRETOS QUE COMPLETAN O DESENVOLVEMENTO DA NOVA LEI DE ORDENACIÓN FARMACÉUTICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 12 2021
 

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, informou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, dos avances no estado de tramitación no que se atopan os desenvolvementos da nova Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia.

Alberto Fuentes sinalou que existen catro iniciativas que Sanidade vén de publicar no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia a efectos de realizar unha consulta pública. Estes catro decretos son, o que regula os horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia; o que establece a planificación e os distintos procedementos de autorización en materia de oficinas de farmacia; o que regula a sinalización, información e publicidade ou actividade promocional das oficinas de farmacia; e, ademais, o referido á entrega informada de medicamentos e produtos sanitarios no domicilio.

Este último decreto, tal e como comprometeu o conselleiro de Sanidade hai unhas semanas, dará todas as garantías a un procedemento que facilitará o acceso a fármacos e produtos sanitarios de pacientes crónicos, persoas de idade avanzada ou que vivan en zonas illadas, e posibilitará seguir a facilitar a entrega de medicamentos aos doentes cuxa situación asistencial ou persoal así o requira, logo da experiencia establecida durante a fase aguda da pandemia. Así, o texto regulará as condicións e os requisitos aos que deberá axustarse o procedemento para que as farmacias comunitarias e os servizos de farmacia hospitalaria correspondentes poidan proceder á entrega informada dos medicamentos e produtos sanitarios no domicilio do paciente.

Estas  consultas estarán operativas ata o 22 de xaneiro, para que todo aquel que o desexe poida efectuar as súas achegas ou suxestións respecto das regulacións proxectadas.

 Desenvolvementos previos da nova Lei

Estes catro decretos completan o desenvolvemento desta Lei que, tal e como detallou o secretario xeral, a Xunta comezou en marzo iniciando a regulación da dispensación dos sistemas personalizados de dosificación en oficinas de farmacia, que era unha das demandas máis reiteradas polos pacientes e polo sector farmaceutico. Neste momento, logo das achegas da consulta pública, un total de dez, e da audiencia dos sectores afectados, Alberto Fuentes dixo que o decreto que regula as condicións e os requisitos para a preparación e entrega dos sistemas personalizados de dosificación nas oficinas de farmacia atópase en fase de tramitación, recabándose os informes preceptivos. Unha vez obtidos os mesmos, procederase a remitir o proxecto á Asesoría Xeral da Xunta para, posteriormente, sometelo ao ditame do Consello Consultivo previo á súa aprobación.

 

Segundo o representante da sanidade pública galega, a segunda das propostas normativas efectuadas en desenvolvemento da Lei de Ordenación Farmacéutica, é o Decreto polo que se regulan as condicións, requisitos e recursos materiais e humanos das Unidades de Farmacia e os depósitos de medicamentos nas estruturas de atención primaria. Logo da consulta pública previa, na que se recibiron seis achegas, o Servizo Galego de Saúde está a traballar nun anteproxecto, que será publicado para xeral coñecemento.

A actual Lei de ordenación farmacéutica de Galicia está en vigor desde xullo de 2019, logo de ser aprobada sen votos en contra polo Parlamento de Galicia, sendo na actualidade unha das máis modernas de España. Esta lexislación naceu co obxectivo de adaptarse aos numerosos cambios sociais ocorridos dende o ano 1999, data na que se aprobara a Lei anterior, e solucionar, de xeito eficaz, as necesidades e demandas  dos usuarios e profesionais das farmacias.

 
As principais novidades desta regulación residiron en aspectos como que un farmacéutico só poida ser titular ou propietario (ou cotitular ou copropietario) dunha única oficina de farmacia, esixíndose a súa presencia física no seu establecemento de maneira oficial durante o horario de atención ao público. A nova lei establece tamén procedementos de adxudicación de novas oficinas de farmacia mais áxiles e rápidos.
  

Outro dos aspectos destacados foi a modificación do cálculo de oficinas de farmacia necesarias por módulo de poboación para garantir unha planificación farmacéutica máis axustada ás necesidades reais da poboación. Esta medida reforzouse coa posibilidade de que no novo mapa farmacéutico estea prevista, para as novas farmacias, a instalación dunha botica anexa vinculada nunha zona de difícil acceso ou onde o peche dunha oficina de farmacia deixe sen atención unha área determinada. Esta medida permite seguir avanzando nunha maior atención sanitaria no rural, exemplificada polo último concurso público, iniciado no ano 2018 e que foi resolto en xuño do ano pasado, que autorizou 41 novas oficinas de farmacia, das que o 76% corresponden ao ámbito rural ou semiurbano (20 no rural e 11 en área semiurbana).

Finalmente, por primeira vez, a Lei contempla a atención farmacéutica domiciliaria en supostos excepcionais, extremo que se concretará nun dos decretos que hoxe comeza a súa consulta pública.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud