COVID, VACUNACIÓN Y PLAN DIRECTOR, CLAVES DE LA REUNIÓN DEL CONSEJO ASESOR DE PACIENTES DEL ÁREA FERROLANA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 12 2021

​ “Non quero que remate este complexo ano sen ter esta xuntanza con vós, como representantes dos pacientes”, así comezaba o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, a cuarta reunión ordinaria do Consello Asesor de Pacientes da área ferrolá, constituído en marzo do 2019, e formado por un total de 19 asociacións. Nunha xuntanza telemática esta mañá, o xerente estaba acompañado pola directora de Procesos de Soporte, Amparo Fondevila López; e o subdirector de Humanización, Calidade, e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo. A situación por mor da Covid, a vacinación nese eido, e como van as actuacións do Plan Director foron os temas principais abordados.

 

 

En termos xerais, estes Consellos permiten ós pacientes, a través das súas asociacións, ter maior voz e asesorar a través destes órganos sobre aspectos relacionados coa asistencia sanitaria, a prevención da enfermidade ou o deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionamento. Tamén poden realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidados dos pacientes, asesorar sobre os contidos das guías de información dirixidas a pacientes, ou na mellora da información da seguridade, entre outras cuestións. A anterior xuntanza producíase en marzo deste mesmo ano.

 

 

 
O responsable da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, subliñou o agradecemento das asociacións polo papel que xogan, “estades axudándonos moito coa transmisión da información ós vosos asociados”. Con respecto a situación da Covid, deulles conta da incidencia actual, cunha onda ascendente e unha porcentaxe de positivos do 13,9% a 7 días e do 11,16% a 14 días. Reiterou a importancia da vacina, que ten diminuído a mortalidade e as complicacións e gravidade. Neste senso, pediu ós representantes dos colectivos presentes que seguiran a difundir a importancia da vacinación entre os seus asociados, “está demostrado que as persoas vacinadas en xeral teñen mellor situación e menos gravidades que as persoas non vacinadas”. Aproveitou para “agradecer o esforzo dos e das profesionais dos centros sanitarios e de FIMO polo seu esforzo continuado no tempo”.

 

 

 
En relación co Plan Director, Facio Villanueva recordoulles que nos últimos meses dende a última xuntanza trasladouse, tal e como estaba previsto, a Farmacia, o Hospital de Día Oncohematolóxico e o Laboratorio de Microbioloxía dende o Hospital Arquitecto Marcide ó Hospital Naval do Complexo. Informoulles de que o seguinte grande paso é a activación do novo Servizo de Radioloxía de cara ó segundo semestre do ano 2022, no Hospital Arquitecto Macide. Este novo Servizo implicará dúas novas Resonancias Magnéticas, unha que substituirá á existente, e unha segunda nova a maiores. Tamén implicará a renovación dos TAC, con tres novos TAC; e a activación dunha nova prestación, Radioloxía Vascular Intervencionista.
Outra das cuestións que lles amosou son os dous novos edificios que rodearán ó actual Hospital Arquitecto Marcide, xa avanzando, e que albergarán servizos clave como Urxencias, Diálise ou Unidades de Críticos pediátricas e de adultos. Todas estas accións están enmarcadas en plena Fase I do Plan Director, que suman preto dos 58 millóns de euros.

 

 

 
Non quixo rematar o responsable da Área Sanitaria, tras responder ás preguntas dos e das asistentes, sen “aproveitar, como fago sempre que podo, para agradecer novamente  ós profesionais o encomiable traballo que están a facer nunha situación tan complexa e sostida no tempo”, e “grazas a vós, as asociacións, por axudarnos tanto”.

 

 

 

 

Cuestións sobre o Consello Asesor

 

Como punto de partida deste Consello, a Área Sanitaria de Ferrol realizaba unha xuntanza informativa con persoas vinculadas a asociacións de pacientes de diferentes patoloxías dos Concellos que comprenden a Área sanitaria de Ferrol para darlles conta da pronta creación deste Consello; de como se podía participar; e de que se abriría un prazo para solicitar a participación voluntaria no mesmo, e os pasos a seguir. Pechado o prazo de presentación de solicitudes, o Consello constituíase en marzo de 2019, coa publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de designación das asociacións de pacientes que formaban parte deste Consello. Uns días máis tarde xa se producía a primeira xuntanza trala constitución. A segunda foi en novembro dese mesmo ano 2019, uns meses previos a pandemia que paralizou a reunión do 2020, e que se retomou en marzo de 2021. Hoxe mesmo ten lugar a cuarta. A Subdirección de Humanzaición continúa a ser unha canle aberta para eles fora desta xuntanza formal.

 

 

 
Por último, tan só lembrar que, no tocante á composición e funcionamento deste Consello Asesor reunido hoxe, a orde estipula que estes órganos colexiados de carácter consultivo reuniranse polo menos unha vez ó ano, reunión que se pospuxo no ano anterior por mor da pandemia; e estarán integrados tanto por membros da estrutura directiva da correspondente área sanitaria como por membros das asociacións de pacientes. A presidencia dos Consellos Asesores de Pacientes de Área corresponderá á persoa titular da xerencia de cada área sanitaria e a secretaría, estará ocupada por unha persoa da xerencia desa área sanitaria con condición de empregado público. Mentres que os vogais serán os titulares dos órganos unipersonais de dirección que correspondan a cada estrutura de área sanitaria e os representantes propostos por cada unha das asociacións de pacientes de carácter sanitario que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial de cada área sanitaria. Estes consellos de área veñen a completar as funcións que se desenvolvían a nivel autonómico no Consello Asesor de Pacientes de Galicia.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud