A XUNTA OFRECERÁ A PARTIR DO DÍA SETE DESTE MES UN SEGUNDO TEST GRATUÍTO PARA OS RAPACES DE 5 A 11 ANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 01 2022
 

Os conselleiros de Sanidade e de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña e Román Rodríguez González, participaron hoxe, por videoconferencia, no Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, conxunto coa Conferencia Sectorial de Educación e a Conferencia Xeral de Política Universitaria. Na reunión, a Xunta de Galicia a través dos seus conselleiros, manifestaron a súa preocupación polo hipotético cambio na vixilancia e xestión dos casos positivos de nenos e nenas.

Na rolda de prensa posterior á xuntanza, o conselleiro de Sanidade anunciou que a Xunta de Galicia segue coa busca activa de casos nun rango de idade sen pauta completa e, así, o Executivo galego ofrecerá un segundo test gratuito para os rapaces de 5 a 11 anos, que poderase recoller coa tarxeta sanitaria nas farmacias adheridas a esta iniciativa. Este segundo test estará dispoñible a partir do día sete de xaneiro.

A Xunta de Galicia non ten dúbida que os centros escolares son seguros, e así deben seguir, para o que é necesario avanzar na inmunización da comunidade escolar, xa que a volta ao colexio o día 10 será presencial. Ao respecto, o Goberno galego comezou hoxe a administrar máis de 36.000 doses contra a covid á poboación con idades comprendidas entre os sete e os nove anos.

O conselleiro de Sanidade manifestou que Galicia segue a ser lider no proceso de vacinación e, no que respecta á poboación pediátrica, o 38,45% dos rapaces entre 9 e 11 anos xa teñen unha dose da vacina, uns 56.700 rapaces.

García Comesaña considera moi importante avanzar na vacinación infantil dado que a incidencia acumulada de menores de 11 anos supera os 2.200 casos por 100.000 habitantes. O responsable sanitario tamén destacou o bo ritmo de vacinación no colectivo dos docentes, remarcando que urxe poñer a terceira dose no profesorado menor de 40 anos, polo que pide ao Ministerio de Sanidade que avance na estratexia de vacinación.

Médicos xubilados e técnicos de saúde para reforzar a atención primaria
Respecto da incorporación de médicos xubilados para facer fronte á covid, o conselleiro de Sanidade sinalou que son 86 os profesionais que amosaron interese en reincorporarse ao sistema público de saúde para axudar en labores administrativas e de vixilancia na atención primaria. Por áreas sanitarias, 9 son da de Santiago e Barbanza; 13 de de Lugo, A Mariña e Monforte; 14 da de Pontevedra e O Salnés; 20 da de Vigo; 19 da de A Coruña e Cee; 6 da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e 5 da de Ferrol.
 
Tamén anunciou García Comesaña que o Diario Oficial de Galicia publicará, o vindeiro luns, o inicio do prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios de temporais de técnico de saúde de atención primaria do sistema público de saúde de Galicia. Estes técnicos farán funcións de apoio sanitario nos ámbitos da xestión da incapacidade temporal, prevención da enfermidade e outros que demanden as necesidades de atención sanitaria e a protección da saúde.
 
Respecto da expedición de certificados de vacinación a persoas que procedan doutros países non pertencentes á Unión Europea, García Comesaña referiu que debe ser o Goberno de España, competente en sanidade exterior, quen estableza un procedemento oficial e normalizado para corrobar a veracidade dos certificados de vacinación estranxeiros e autorizar, se procede, a emisión do certificado europeo homologable.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud