​O 54% DOS MENORES GALEGOS CON IDADES COMPRENDIDAS ENTRE OS 5 E OS 11 ANOS XA CONTAN ALOMENOS CUNHA DOSE DA VACINA CONTRA A COVID-19
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 01 2022
 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, informaron esta mañá en rolda de prensa do avance da vacinación do nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos, subliñando que o 54% destes menores xa contan alomenos coa primeira das doses da vacina contra a covid-19.
 
O titular de Sanidade, destacou que 84.363 rapaces e rapazas deste tramo de idade xa foron vacinados, así, apuntou que os datos de vacinación de menores en Galicia son moi bos, sinalando que o 97,3% da poboación de 12 a 19 anos conta con alomenos  unha dose da vacina, e que, ao 94,8% xa lle foi administrada a pauta completa de vacinación.

 

García Comesaña tamén subliñou que desde hoxe mesmo, a Xunta de Galicia puxo a disposición da cidadanía un segundo test gratuíto destinado aos rapaces de 5 a 11 anos, a través das oficinas de farmacia. Neste senso, apuntou que o Sergas está a enviar SMS aos pais e nais destes rapaces, para indicarlles que poden recoller os test, ademais de incorporar unha ligazón na que se achega un tutorial para levar a cabo un correcto emprego da toma das mostras.
 
Ademais, o conselleiro de Sanidade lembrou que as persoas que obteñan un resultado positivo neste tipo de probas diagnósticas, deberán poñelo en coñecemento das autoridades sanitarias a través do teléfono 881 540 045, ou ben, desde a xornada de hoxe, a través do formulario habilitado na web do Servizo Galego de Saúde. Neste último caso, tras incorporar os eus datos persoais, o sistema xerará unha chamada telefónica co ánimo de coñecer o estado de saúde do novo positivo, os seus contactos estreitos, ademais de achegar as recomendación sanitarias precisas.
 
Así mesmo, as persoas que realicen test nas propias oficinas de farmacia, co asesoramento do seu persoal, no caso de ser positivos pasarán a estar rexistrado de xeito automático no sistema sanitario público galego.
 
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade quixo compartir unha mensaxe de tranquilidade cos membros do Comité Educativo. Neste sentido, lembrou que os centros de ensino permaneceron abertos tanto o pasado curso, como este, grazas ao correcto funcionamento dos protocolos e ao esforzo de toda a comunidade educativa en xeral.
 
No referido ao persoal docente, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que hoxe mesmo "xa se están facendo os chamamentos para cubrir as máis de 200 baixas que figuran neste momento no sistema,” para que o día 10 se poidan incorporar aos centros respectivos” o profesorado substituto. As restantes iranse cubrindo, “dun xeito inmediato”, unha vez os centros estean operativos e as carguen no sistema.
 
Román Rodríguez sinalou que os departamentos de Educación e Sanidade continúan, como desde o principio da pandemia, traballando en estreita colaboración. Así mesmo, estase a intensificar a coordinación coas xefaturas territoriais, co propio Comité Educativo e cos diferentes axentes implicados, co fin de iniciar este segundo trimestre coas maiores garantías.
 
O conselleiro incidiu, ademais, en que a incidencia da covid-19 na comunidade educativa reflicte a situación xeral da pandemia. “No inicio de curso prevemos ter un aumento dos casos, ao igual que está sucedendo no resto da sociedade, debido ao incremento das interaccións sociais”, explicou.

 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss