A XUNTA DE GALICIA CONSTRUIRÁ EN VILAGARCÍA UN NOVO CENTRO DE SAÚDE QUE AUMENTARÁ NUN 55% A SUPERFICIE DO ACTUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 01 2022
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela Paz, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde nesta localidade, de máis de 5.000 metros cadrados, que ampliará nun 55% a superficie do actual, e que vai permitir unha importante ampliación de espazos.

Dende o momento da sinatura de hoxe, García Comesaña dixo que a Xunta ponse mans á obra para redactar os pregos de contratación co obxectivo de licitar, canto antes, o proxecto arquitectónico do novo centro.

Segundo o conselleiro, estes próximos traballos, e o posterior proceso de adxudicación do contrato e de elaboración do proxecto, poderán acompasarse coas actuacións do concello nesta parcela, onde deberá iniciar as obras de demolición do actual edificio da Comandancia para facer a cesión ao Sergas do terreo libre de cargas.

García Comesaña dixo que o convenio hoxe asinado ten unha cláusula para que, no proxecto do novo centro de saúde se incorpore, se é posible, o mural que actualmente preside a fachada do edificio. Tamén prevé a necesidade de que o Concello realice un estudo de mobilidade nesta zona para ordenar a circulación e garantir un acceso fluído de persoas usuarias e do transporte sanitario.

Plan funcional

O Plan funcional previsto contempla tres consultas de medicina xeral ata chegar ás 17, catro consultas máis de enfermaría, ata as 17 tamén; unha consulta máis de pediatría e dúas máis de enfermería pediátrica, ata chegar a cinco de cada. Terán, tamén, dúas consultas en lugar dunha das áreas de: farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

 

Haberá, igualmente, un incremento de dúas salas de técnicas e dunha polivalente, e pásase dunha a dúas salas de reanimación na área de urxencias. Ademais, terá cinco consultas de docencia onde hoxe só hai unha, e incorpóranse áreas non existentes no actual centro como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou consultas médicas e de enfermaría para que poidan acudir especialistas do hospital.

 

O conselleiro remarcou que Vilagarcía vai vivir consecutivamente dous grandes procesos de mellora sanitaria, a do hospital comarcal, que incorporou servizos como cardioloxía, oncoloxía médica ou hospitalización a domicilio para toda a comarca e renováronse as áreas de urxencias, a cirúrxica, a obstétrica, a de hospitalización convencional e o hospital de día; e a da atención primaria, coa substitución dun centro de saúde antigo, por outro con máis capacidade e con mellor atención.

Tamén sinalou o conselleiro no acto, ao que asistiron o delegado territorial da Xunta, Luis López; o presidente da autoridade portuaria, José Manuel Cores; o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez; e a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, que este proceso que comeza agora debe continuar a desenvolverse, tal e como até o de agora, coa máxima vontade de cooperación entre institucións.

Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria

Cómpre remarcar que, dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Pontevedra, prevé construír 13 novos centros de saúde, nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Vigo (o CIS Olimpia Valencia, coa licitación da obra xa autorizada polo Consello da Xunta), Moaña (co proxecto xa adxudicado), Caldas de Reis, O Grove, Poio, Cangas, A Guarda, Barro, Meis, Ponteareas e Mos, e reformar e ampliar os centros de Moraña e O Rosal.
 

Para iniciar eses proxectos e abordar a execución doutros xa en marcha, como a construción do Centro Integral de Saúde de Lalín ou a ampliación do centro de saúde de Porriño (co contrato de obra xa a piques de adxudicarse), a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior partida dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuitos e espazos á pandemia.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss