INVESTIGADORES DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE EVIDENCIAN A EFICACIA DA DEXAMETASONA NO TRATAMENTO DE PACIENTES CON COVID-19 CON INSUFICIENCIA RESPIRATORIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 04 2022

​Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022. Os pacientes hospitalizados con COVID-19 que cursan con insuficiencia respiratoria moderada grave e con necesidade de osixenoterapia, reducen o seu empeoramento clínico (necesidade de intubación, de coidados Intensivos ou morte) aos 11 días se se lles administra doses altas de dexametasona (20mg/día) en comparación cos pacientes aos que se lles administra doses baixas (6 mg/día). Esta é a principal conclusión do ensaio clínico realizado por un equipo de investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago ( IDIS) e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e, que foi publicado no European Respiratory Journal, a terceira mellor revista do mundo da súa área.

 
O ensaio realizouse no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela por un equipo multidisciplinar liderado por Manuel Taboada ( Anestesiólogo), Nuria Rodríguez ( Neumóloga), Pablo Varela (Internista), Teresa Rodríguez (Farmacéutica), e Ana Estany ( Metodóloga).
 
A finalidade do estudo era medir o efecto de doses altas fronte a doses baixas de dexametasona en pacientes hospitalizados cun cadro moderado ou grave de COVID-19 que necesitaban osixenoterapia. A dexametasona é un fármaco prescrito para aliviar a inflamación e para tratar certos tipos de cancro, artrite, alerxias severas ou asma. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda doses baixas de dexametasona (6 mg/día) en pacientes COVID-19 con insuficiencia respiratoria e necesidade de osixenoterapia. No estudo realizado no CHUS, observaron como doses altas de dexametasona (20 mg/día) en pacientes hospitalizados por COVID-19 que necesitaban administración de osíxeno, diminuía o empeoramento clínico (necesidade de intubación, necesidade de Coidados Intensivos, ou morte), comparado coas doses baixas recomendadas pola OMS, sen asociarse a un maior risco de efectos adversos.
 
Metodoloxía
 
Para a realización deste ensaio aleatorizado, aberto e controlado, contaron coa participación de pacientes hospitalizados por COVID-19 que presentaban cadros de pneumonía moderada ou grave. Os pacientes foron asignados aleatoriamente para recibir doses baixas ou altas de dexametasona asociado ao tratamento habitual do COVID-19. En total incluíronse 200 pacientes dunha idade media de 64 anos, dos que o 62 % foron homes. O estudo foi realizado na planta de Hospitalización do CHUS, participando persoal de múltiples especialidades, como Anestesiología, Pneumoloxía, Medicina Interna, Urxencias, Farmacia ou Medicina Preventiva.
Os resultados do estudo incluíron tempo de recuperación, estado clínico dos pacientes tras a aplicación do tratamento, reaccións adversas aos medicamentos, número de pacientes que necesitaron ventilación mecánica, número de pacientes ingresados na Unidade de Coidados Intensivos, número de pacientes dados de alta e mortalidade aos 28 e 60 días tras iniciar o tratamento.
 
O 31,4% dos pacientes que recibiron doses baixas de dexametasona sufriron empeoramento clínico durante o seu ingreso (necesidade de ventilación mecánica, necesidade de ingreso en UCI, ou exitus), en comparación co 16,3% dos que recibiron doses altas de dexametasona, observándose un importante beneficio con altas doses de dexametasona, moi similares ás utilizadas nas Unidades de Coidados Intensivos. A pesar do uso de altas doses de corticoides, as reaccións adversas foron similares nos dous grupos estudados.
 
Máis información sobre o IDIS
 

 

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 como froito da colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de máis de 1000 investigadores, 99 grupos de investigación, 31 M€ de fondos e 88 proxectos de investigación captados na última anualidade, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss