MÁIS DO 96% DOS USUARIOS DO 061 DE GALICIA VOLVERÍA A UTILIZAR O SERVIZO PÚBLICO DE URXENCIAS E EMERXENCIAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 04 2022
 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 vén de realizar un estudo para coñecer a satisfacción dos seus usuarios respecto á atención prestada. Os resultados desta enquisa de satisfacción amosan que o 96,3% dos usuarios enquisados volverían a utilizar o servizo público de urxencias e emerxencias sanitarias galego de atoparse nunha situación similar á que orixinou a súa demanda.

Os resultados deste estudo amosan unha valoración moi positiva dos usuarios do servizo 061 de Galicia, xa que obtén unhas porcentaxes positivas superiores ao 90% na maioría das respostas. Estes datos reflicten o alto grao de satisfacción dos usuarios coa atención recibida, que consolidan á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como o servizo máis valorado polos seus usuarios no ámbito do Servizo Galego de Saúde.
 
A cualificación global da atención recibida, considerada un claro indicador do nivel de satisfacción, segue a obter unha moi alta valoración cunha puntuación de 93,7. No caso das unidades de soporte vital avanzado esta valoración é do 94,5, a das unidades de soporte vital básico é do 93 e das consultas médicas 93,6.
 
Trato humano, coordinación do equipo e trato recibido
Entre os aspectos máis valorados polos usuarios destaca o trato humano do persoal das unidades asistenciais e da central de coordinación de Urxencias  Sanitarias de Galicia-061 cara ao paciente cunha valoración do 93,9 sobre 100. Os usuarios valoran tamén cun 93,9 a súa percepción sobre coordinación do equipo durante a prestación da asistencia sanitaria no punto. Outro aspecto que reflicte a ampla satisfacción dos usuarios co trato recibido polo persoal do 061 é a facilidade para entender a maneira coa que falou e lle du explicacións o persoal do 061 durante o proceso asistencial, valorada cun 93,8.
 
Outro dos aspectos máis valorados é o que puntúa globalmente a atención recibida que os usuarios valoraron con preto de 90 puntos (88,6 puntos nunha escalada do 1 ao 100). Neste aspecto, hai que subliñar que ao redor do 63% dos enquisados puntuaron a atención recibida entre 90 e 100. En concreto, o 39% dos enquisados outorgaron a máxima puntuación posible (100 puntos).
 
O resto de aspectos valorados polos usuarios superan practicamente todos os 92 puntos. O equipamento das unidades asistenciais de soporte vital básico e soporte vital avanzado empregado para realizar a asistencia no punto valorouse cun 93,5.
 
A satisfacción coa profesionalidade do persoal, a confianza que inspiraba o persoal que atendeu e a sensación de seguridade durante o traslado obtiveron un 93,3.
 
Outros aspectos valorados foron o cumprimento das expectativas previas sobre a atención que prestou o 061 de Galicia e a percepción de se o persoal asistencial tivo en conta a opinión do doente no momento da atención que foron valorados cun 92,1 puntos ambos os dous.
 
Por último, a valoración de se os acompañantes recibiron información clara de como evolucionaban as cousas durante o proceso asistencial foi do 91,9.
 
Características do estudo
Este estudo, sobre a calidade percibida, realizouse co obxectivo de coñecer o grado de satisfacción dos usuarios da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Nel entrevistáronse 2.349 persoas que fixeron uso do servizo 061 entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro do ano 2020.
 
A recollida de información realizouse a través dun cuestionario específico para cada un dos tres niveis asistenciais, adaptados en función da atención recibida: á consulta médica telefónica, á asistencia prestada polos equipos das unidades de soporte vital básico e ás unidades de soporte vital avanzado.
 
A realización de enquisas de calidade entre a poboación usuaria, que  Urxencias Sanitarias de Galicia-061 efectúa periodicamente, adquire unha importancia considerable ao permitir coñecer o grado de satisfacción ou insatisfacción cos servizos prestado. Deste xeito, ademais de detectar as áreas de mellora, nas que concentrar os esforzos para aumentar a calidade do servizo, permite seguir a traballar para manter os altos índices de calidade na asistencia prestada que fan da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o servizo máis valorado polos seus usuarios do Servizo Galego de Saúde.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss