A PORCENTAXE DE PARTICIPACIÓN NAS PROBAS DA OPE DO SERGAS QUE SE CELEBRAN HOXE SUPERA O 60%
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 05 2022

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), onde se desenvolven as probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, para cubrir un total de 680 prazas correspondentes a 24 categorías de persoal estatutario. En concreto, esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir 389 prazas. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.
 
Dos 5.420 convocados para a realización de probas na xornada de hoxe, presentáronse un total 3.298 opositores, o que supón unha porcentaxe do 60,8%.
 
En concreto, durante a mañá deste sábado, das 657 persoas admitidas para optar a unha das 12 prazas na categoría de condutor, presentáronse un total de 505 aspirantes, o que representa o 76,8% de participación.
 
Xa na quenda desta tarde, á que estaban convocados un total de 4.763 aspirantes, para cubrir 239 prazas na categoría de pinche, presentáronse as probas un total de 2.793 persoas, o que representa o 58,6% sobre o total de admitidas para esta categoría.
 
Máis de 2.500 persoas convocadas o domingo
Para a xornada de mañá domingo, ás 9:30 horas, están convocados 1.602 aspirantes para cubrir 91 prazas. Nomeadamente, nas categorías de calefactor (37), logopeda (4), técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4) e traballador social (46).
 
Na quenda de tarde, a partir das 16:00 horas, están convocadas 928 persoas para a cobertura de 8 prazas na categorías de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, e outras 39 prazas, na categoría de lavandeiro.
 
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
 
Estas probas selectivas, que botaron a andar o pasado mes maio, permitirán cubrir 680 prazas de 24 categorías/especialidades de persoal estatutario. Así, as xornadas de exame continuarán durante a vindeiro fin de semana, nas xornadas do 14 e do 15 de maio. No conxunto desta OPE, figuran inscritos preto de 13.000 aspirantes.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud