A XUNTA INVISTE MÁIS DE 3 MILLÓNS DE EUROS EN RENOVAR MESAS CIRÚRXICAS PARA OS HOSPITAIS PÚBLICOS GALEGOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 05 2022

​A Xunta de Galicia vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia un anuncio de licitación de mesas cirúrxicas con destino a hospitais do Servizo Galego de Saúde por un importe total de 3.045.570 euros.

Con este contrato, a Xunta de Galicia busca substituír mesas dos bloques cirúrxicos que conten con máis de 15 anos de antigüidade ou equipos para os que xa non se atopan repostos no mercado, coa fin de garantir ou seu mantemento e dotar aos bloques cirúrxicos dos hospitais da rede pública galega de equipamento no mellor estado.
 
En particular, o contrato reserva case 940.000 euros para adquirir oito mesas cirúrxicas de altas prestacións, que se repartirán entre os complexos hospitalarios de Ourense e Santiago de Compostela a razón de catro en cada un deles. Estas mesas contan con accesorios para practicar cirurxía vascular, neurocirurxía ou cirurxía bariátrica.
 
O resto do importe vai destinado á adquisición de 49 mesas cirúrxicas móbiles que se destinarán aos hospitais de Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña e ao hospital Meixoeiro de Vigo.
 
Este contrato está financiado pola Unión Europea no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, eixo prioritario 20, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
 
Renovación do equipamento sanitario
Esta nova licitación forma parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano 2022.
 
En particular, respecto á modernizacións dos bloques cirúrxicos, o pasado ano o Executivo galego aprobou un investimento de máis de 4’3 millóns de euros para adquirir 37 novos equipos radiocirúrxicos e adquiriu sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. E está agora mesmo en proceso de adxudicación outro contrato por 2,3 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas, instaladas no conxunto de hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
 
Fóra dos bloques cirúrxicos, tamén no ano pasado a Xunta de Galicia licitou dous contratos para 48 equipos de ecografía que foron distribuídos a todos os hospitais públicos galegos tras máis de 6 millóns de euros de investimento.
 
Respecto á renovación doutra aparataxe, destaca a adquisición dun equipo de ultrasóns de frecuencia focalizado (HIFU) para o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), cun investimento de 2,4 millóns de euros, convertendo ao Sergas no primeiro servizo sanitario público de España en contar con este equipamento. Por outra banda, está a piques de adxudicarse o contrato de catro equipos de mamografía dixital destinados ao cribado mamográfico do Programa galego de detección precoz do cancro de mama, nos que a Xunta de Galicia investirá 1,2 millóns de euros.
 
Finalmente, os Orzamentos da Xunta para este ano contemplan 61,3 millóns para renovar e ampliar o equipamento de diagnóstico por imaxe. Esta suma é resultado da proposta que presentou Galicia ao Plan INVEAT, un instrumento creado polo Ministerio de Sanidade para canalizar os fondos Next Generation cara á renovación e ampliación dos equipamentos de diagnóstico por imaxe no Sistema Nacional de Saúde. A nosa comunidade recibiu un 7,7% dos fondos a repartir neste Plan e o Consello da Xunta aprobou xa os acordos para a adquisición de 4 aceleradores lineais, 9 resonancias magnéticas e os primeiros 8 TACs.
 
A Xunta de Galicia ten decidido complementar estes fondos europeos distribuídos polo Goberno central con fondos do orzamento autonómico para poder adquirir equipos dunha gama de calidade máis alta. Así, por exemplo, dotarase ás 7 áreas sanitarias de TACs de tecnoloxía espectral e adquiriranse resonancias magnéticas de máis alta gama, o que supón un investimento de 8,5 millóns da Xunta para complementar os fondos europeos.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud
Internet y tú | Contacte
rss