A ÁREA SANITARIA DE VIGO PON EN MARCHA UN SERVIZO DE ATENCIÓN DOMICILIARIA A PACIENTES HEMATOLÓXICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 05 2022

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) puxo en marcha un programa de Atención Domiciliaria dirixido a pacientes con enfermidades hematolóxicas con tratamentos crónicos -orais ou de administración subcutánea- que necesiten asistencias moi frecuentes a consulta e Hospital de Día. Os obxectivos desta nova prestación sanitaria son mellorar a adherencia ao tratamento e a calidade de vida destes pacientes.

O programa presentouse nunha reunión celebrada no Álvaro Cunqueiro, na que expertos en hematoloxía debateron sobre as necesidades dos pacientes con enfermidades hematolóxicas e a importancia de contar con ferramentas e servizos para mellorar a abordaxe dos pacientes e incrementar a súa calidade de vida.

A implementación destes programas cobrou especial relevancia nos últimos anos debido aos novos tratamentos e ao perfil dos pacientes. Como explica a xefa do servizo de Hematoloxía, Carmen Albo “o incremento da cronicidade, o envellecemento da poboación e a necesidade de coidados a longo prazo fai necesario un cambio no paradigma da oferta de atención tradicional desde os hospitais”.

Grazas á colaboración e comunicación entre os profesionais sanitarios pódese manter a continuidade asistencial nos pacientes que reciben atención domiciliaria. “Ao incluír un paciente no programa, a enfermeira xestora ponse en contacto directo coa enfermeira responsable do paciente no Centro de Saúde para informarlle sobre a inclusión do mesmo neste programa e os obxectivos que se esperan acadar”, indica a doutora Albo.

Así, os pacientes reciben unha atención completa desde os seus domicilios, o que reduce os riscos aos que se expoñen no hospital e mellora a súa calidade de vida.

Dentro do proxecto, os pacientes reciben coidados integrais e individualizados, xa que xestionados a través da enfermeira domiciliaria “inclúense programas de atención psicolóxica, nutricionais, de exercicio físico, e prevención de caídas entre outros; e todo iso individualizado, segundo as necesidades de cada paciente”, explica a doutora, que engade que “grazas á enfermeira que acode ao domicilio, poténcianse ao máximo as capacidades de cada paciente para acadar o maior nivel de benestar e independencia”.
 
A Atención Domiciliaria, clave durante a pandemia
A especialista asegura que este proxecto ten moitos beneficios no caso daquelas persoas que debido ao seu tratamento mostran unha inmunidade deprimida, xa que “a atención domiciliaria reduce o risco de contaxio de infeccións, sobre todo respiratorias como coronavirus, gripe...”. Ademais, desde o inicio da pandemia da Covid-19 fíxose máis patente a necesidade de implementar novas formas de abordaxe aos pacientes de risco.
 
O desenvolvemento de ferramentas como a telemedicina e a telefarmacia, que se incrementaron de maneira notable nos últimos anos, “permiten un seguimento continuo do paciente, coñecer a súa situación clínica diariamente, a prescrición segura de fármacos con trazabilidade total, recoñecer posibles reaccións a fármacos ou obter asesoramento sobre interaccións medicamentosas a través de rexistro de constantes, enquisas online, chamadas telefónicas ou videochamadas con enfermaría, médicos ou farmacéuticos”, explica Albo.
 
Por último, en relación á calidade de vida do paciente, Carmen Albo recalcou a importancia de contar con “unha unidade de soporte que garanta a adherencia a un tratamento crónico e un seguimento continuado desde o seu propio domicilio”.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud