GALICIA OFERTA O SEU RECORD DE PRAZAS PARA FORMACIÓN SANITARIA ESPECIALIZADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 05 2022

Galicia vai alcanzar este ano a maior oferta do seu rexistro histórico para a convocatoria de probas selectivas para o acceso no vindeiro ano, a prazas de formación sanitaria especializada. Concretamente, para as titulacións universitarias de grao/licenciatura/diplomatura de Medicina, Farmacia, Enfermería e ámbito da Psicoloxía, a Química, a Bioloxía e a Física. En total, ofertaranse 614 prazas, o que supón un incremento total de 71 prazas sobre as 543 da anterior convocatoria.

Así o acaba de facer na proposta remitida este xoves ao Ministerio de Sanidade para que inclúa estas prazas na seguinte convocatoria que teña lugar. O financiamento destas prazas corresponde integramente ás Comunidades Autónomas. O total do orzamento que o Sergas destinará, no vindeiro ano, aos gastos de formación de especialistas, incluíndo a totalidade dos residentes en formación, superará os 63 millóns de euros, financiados integramente pola Xunta de Galicia.

Neste ano, o incremento de prazas céntrase na Atención Primaria, con 6 novas prazas para Enfermaría Familiar e Comunitaria e 64 para Medicina da mesma especialidade, estas últimas xa acreditadas este ano pero que o Ministerio rexeitou incorporar á vixente convocatoria MIR. 

En total vanse ofertar 256 prazas para estas dúas categorías, o que supón un incremento do 37,6% respecto ao ano pasado, das que 206 corresponden a médicos e 50 a persoal de enfermería. Ademais, consolídase o incremento do ano pasado no resto das especialidades. 

A presente oferta é do 100% das prazas acreditadas na especialidade de Médicos de Medicina Familiar e Comunitaria (as devanditas 206) e tamén de Pediatría (27). Especificamente, no caso da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, nas tres últimas convocatorias ofertouse a totalidade das prazas acreditadas nas que, ademais, se produciu un significativo incremento. Así, tanto no 2020 como no 2021 ofertáronse 142 prazas en cada convocatoria. Chegar este ano ás 206 supón ter duplicado en seis anos a oferta docente desta especialidade.

Dende á Consellería de Sanidade quere destacarse e recoñecer a especial importancia da labor dos profesionais que colaboran coa docencia. O esforzo de xefes de estudio, titores e colaboradores docentes é imprescindible para que poda incrementarse o número de prazas ao tempo que se mantén a alta calidade na formación de especialistas.  

Por outra banda, a Xunta xa ten manifestado esta semana tanto por carta como no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde as súas demandas ao Goberno de España para que este esforzo docente realizado polo persoal do SERGAS e acompañado da dotación orzamentaria do goberno galego non se vexa frustrado polos problemas no sistema de asignación de prazas MIR dos que a Xunta xa advertira ao Goberno e que provocaron a non cobertura de prazas na oferta deste ano. Con este motivo, o goberno galego requiriu ao Ministerio medidas con urxencia, para poder cubrir este ano as 9 prazas vacantes de médico de familia e  para modificar o sistema de elección de cara o proceso do vindeiro ano.

Petición ao Ministerio dun Rexistro nacional de profesionais

Para estimar as necesidades de especialistas a curto, medio e longo prazo, a Consellería de Sanidade conta co Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia, que é un elemento de xuízo para a elaboración da oferta, combinado coa valoración doutros factores como poden ser a evolución tecnolóxica, os cambios estruturais ou a implantación de novos programas sanitarios.

Dado que o sistema de formación é de cobertura nacional, formándose especialistas nas distintas comunidades para todo o Estado, mesmo para  os centros privados e incluíndo unha cota de formación de extranxeiros,  Galicia continúa a demandar ao Ministerio de Sanidade a creación a nivel nacional dun Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios que poida orientar as necesidades de formación de especialistas e contribúa a solucionar os déficits de profesionais de determinadas especialidades. 

Este rexistro está comprometido polo Ministerio dende un acordo do Consello Interterritorial de Saúde do ano 2018, pero aínda non se dispón do mesmo.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud