​A XUNTA INVISTE 7,3 MILLÓNS DE EUROS EN MATERIAIS DE SUTURA PARA AS SETE ÁREAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 06 2022

A Xunta de Galicia aprobou esta mañá, no transcurso da xuntanza de Consello, a licitación para a subministración sucesiva de suturas manuais e cola de tecidos non absorbible, no período comprendido entre 2022 e 2025, por un importe total de 7.289.227 euros. Esta é a primeira contratación tramitada polo Servizo Galego de Saúde de forma centralizada para este tipo de materiais.

Mediante esta compra vanse adquirir diversos produtos necesarios para a realización da técnica de suturar, destinada á cicatrización dunha ferida, que pode ser cirúrxica ou non, na pel, os órganos internos, os vasos sanguíneos e demais tecidos do corpo humano, mediante o cosido cirúrxico dos bordes ou extremos da dita ferida, a fin de mantelos unidos, diminuíndo a tensión entre eles. Así, nesta licitación inclúese a adquisición de todo tipo de fíos de suturas manuais, absorbibles e non absorbibles, con agulla e sen agulla, de distintos materiais e calibres, así como cola de tecidos non absorbible.

O obxectivo desta contratación centralizada é mellorar o prezo de adquisición de todos estes materiais de sutura, establecendo un prezo único e evitando, deste xeito, que poida haber diferenzas significativas no importe de compra entre os distintos centros das sete áreas sanitarias do Sergas.

Búscase, así mesmo, garantir a subministración destes produtos, tanto nos centros de atención primaria como de atención hospitalaria, tendo presentes os principios de igualdade no acceso, equidade, calidade, continuidade dos coidados entre niveis asistenciais e sustentabilidade económica das prestacións. Esta contratación enmárcase dentro dun plan de homoxeneización de prezos que está levando a cabo o Servizo Galego de Saúde.

Entre os expedientes licitados por primeira vez nestes últimos anos polo Servizo Galego de Saúde, mediante compra centralizada, está a subministración sucesiva de tubos endotraqueais e cánulas de traqueotomía, adxudicado por un importe de 1.839.709,81 euros, con IVE, cun aforro do 18,66 % sobre a licitación; a subministración sucesiva de sistemas monitorización de glicosa, adxudicado por un importe de 834.291,08 euros, con IVE, cun aforro do 4,20 % sobre a licitación; e a subministración sucesiva de equipos de cobertura cirúrxica cun importe de adxudicación de 2.961.134,41 euros, con IVE, cun aforro sobre a licitación do 8,59 %.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud