A XUNTA AUMENTA NUN 80% AS PRAZAS DE FORMACIÓN PARA ESPECIALISTAS SANITARIOS DESDE 2009
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 06 2022

 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo hoxe, na inauguración do I Congreso Galego de Formación Sanitaria Especializada, que, na actualidade, son máis de 2.100 os profesionais que se forman no Sergas, o que representa unha das cifras máis altas da historia do departamento sanitario galego. Neste encontro, que ten lugar no Hospital Universitario da Coruña,  o titular da carteira sanitaria remarcou “o compromiso e dedicación que demostran as persoas que se implican en formar aos que serán os especialistas sanitarios en Galicia”. Ao acto tamén asistiron o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; e o xerente da área sanitaria, Luis Verde.
 

Tal e como sinalou García Comesaña, “a formación dos profesionais sanitarios é un piar básico no noso sistema e ten como fin último a excelencia”. “Queremos formar profesionais que respondan ás necesidades da cidadanía e que sexan axentes do cambio nas organizacións sanitarias”, -remarcou o conselleiro-.

“A Administración sanitaria ten que contribuír a que os que exercen como titores poidan ensinar nas mellores condicións, fomentando actividades formativas”, e, para iso, a Consellería de Sanidade está a traballar, -dixo o responsable do Sergas-, na tramitación dun decreto que regule a ordenación do sistema de formación sanitaria especializada no ámbito galego. A través desta norma, que está na fase de obtención dos informes preceptivos, Sanidade quere primar aos profesionais que exercen como titores.
 

O conselleiro remarcou, así mesmo, que a Xunta dedica máis de 60 millóns de euros á formación sanitaria especializada, orzamento que supón un incremento de máis dun 35% respecto ao quese destinaba no ano 2009. Tamén incidiu nos esforzos organizativos feitos dende a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), que este ano realiza nove cursos on line dirixidos aos residentes de primeiro ano, co obxecto de favorecer unha formación homoxénea.

 Oferta de prazas  2022/2023
 Os esforzos orzamentarios, organizativos e mellores ferramentas nesta materia de formación compleméntanse, -dixo o conselleiro-, coa oferta de prazas para o período 2022-2023, a maior da súa historia. Así, con respecto á convocatoria anterior, increméntanse nun 13% as prazas ofertadas, que pasan de 543 a 614. Unha suba que se vén apreciando nos últimos anos xa que, dende 2009, aumentaron nun 80% as prazas de formación sanitaria especializada.
 

Este aumento foi en liña coas grandes prioridades da política sanitaria da Xunta, como son reforzar a medicina de atención primaria e tentar cubrir o relevo xeracional que vai experimentar este nivel asistencial. Por iso, nos seis últimos anos, o Goberno galego duplicou as prazas formativas de medicina familiar e comunitaria, que pasaron de 98 a 206. Igualmente, duplicáronse as prazas formativas de enfermería, que aumentaron de 53 a 101.

A Xunta segue pois dedicando gran parte dos seus esforzos á defensa do labor docente, pero tamén insiste ao Ministerio de Sanidade para que, dentro das súas competencias, traballe na mellora da ordenación da formación sanitaria especializada. Ao respecto, o Goberno galego segue pendente de que o Executivo central proceda a crear un Rexistro estatal de profesionais sanitarios, comprometido dende hai moitos anos. Tamén solicita a Xunta cambiar o actual sistema de elección de prazas MIR, para outro que dea aos aspirantes coñecemento en tempo real das prazas que quedan dispoñibles. Ademais, o Executivo galego está a pedir, reiteradamente, a creación inmediata da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias e a flexibilización dos requisitos para poder acreditar máis unidades docentes de medicina familia e comunitaria.
 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro salientou o magnífico traballo da Rede de Comisións de Docencia de Galicia, que agrupa e coordina as actuacións de organismos e persoas dedicadas á formación sanitaria especializada, fundamentalmente das comisións de docencia, dos responsables docentes, titores e demais persoal involucrado na formación especializada.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud