Santiago de Compostela, 21 de
xuño de 2022. O Instituto de Investigación
Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) presentou esta mañá a súa memoria
anual do ano 2021 cuns datos que avalan a relevancia do centro como pioneiro en
investigación científica sanitaria en España, tanto polos seus recursos, como polo
número de estudos, publicacións e investigadores.
Durante
o pasado ano, o IDIS superou os 46 M€ en captación de fondos, un 32% máis que
en 2020 e o dobre que en 2016 e, con eles, sufragou 128 proxectos por valor de
case 19 M€; 100 ensaios clínicos e 120 estudos, por máis de 5 M€; 512 contratos
de provisión de servizos, cun investimento total de 14 M€ e a creación de 77
novos postos para investigadores por valor de 6 M€.
O
acto de presentación estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio
García Comesaña, quen estivo acompañado polo reitor da USC, Antonio López, a
xerente da área Sanitaria, Eloína Nuñez e a directora científica do IDIS, Luz
Couce.
Comesaña
destacou que “os indicadores conseguidos polo persoal do IDIS durante o ano
2021 son magníficos, e manteñen unha liña ascendente dende o inicio deste
organismo, no ano 2008”. Ao tempo que remarcou a tendencia a alza dos
principais indicadores deste instituto, entre os que destacou a produción
científica, “posto que o IDIS superou por primeira vez a barreira das 1.000
publicacións científicas, incrementando tamén o impacto global”.
No
que se refire á captación global de fondos, o conselleiro sinalou que “se
incrementou en máis de dez millóns a captación do ano 2020. Destes 46 millóns,
uns 20 corresponden a proxectos competitivos e á adquisición do equipamento
máis avanzado”.
A
captación de talento tamén é destacable, acadando, -dixo o conselleiro-, “preto
de 80 contratos novos en concorrencia competitiva, en todas as etapas da
carreira investigadora”.
Estes
resultados hoxe presentados “son froito da capacidade, talento, esforzo e
constancia dos traballadores do IDIS”, aos que o conselleiro felicitou, así
como á directora do instituto e á xerencia da área sanitaria.
Ao
31 de decembro, 1.161 persoas traballaban no IDIS, integrados nos 99 grupos de
estudo que se organizan ao redor das súas 6 áreas de investigación: oncoloxía,
xenética, endocrinoloxía, neurociencias, inflamación e plataformas e
metodoloxía.
Deses
máis de mil profesionais, máis do 61% pertencen ao Servizo Galego de Saúde e
algo menos do 39% están adscritos á Universidade de Santiago de Compostela,
USC.
En
canto á publicación de artigos por ano, os 1.023 de 2021 apareceron en 527
publicacións internacionais indexados no ‘Journal Citation Report’, cun impacto
acumulativo de máis de 7.000 puntos. Como mostra do incremento do impacto, en
2020 publicáronse 100 artigos menos, 923, pero o impacto foi de algo menos de
5.500 puntos.
Nesta
mesma liña atópanse os 128 proxectos dos que 83 son nacionais, 34 rexionais e
11, internacionais. Á inversa ocorre cos 100 ensaios clínicos dos que 85 teñen
carácter internacional, e no caso do total doutros estudos, 120, o maior peso
preséntano os nacionais, con 56 seguidos dos locais, con 35, os internacionais
con 24 e finalmente os rexionais con 5.
Memoria
Anual 2021 do IDIS neste enlace.
Máis información sobre o IDIS
O
Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en
2008 como froito da colaboración entre o SERGAS e a Universidade de Santiago de
Compostela. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que
dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de máis de 1.000
investigadores, 94 grupos de investigación, 29 M€ de fondos e 65 proxectos de
investigación captados, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o
coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.
Saúdos do Gabinete de
Comunicación.