XUNTA E CONCELLO DE VILAR DE BARRIO MELLORARÁN O CENTRO DE SAÚDE DESTE MUNICIPIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde Gómez, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade, entre as que destacar o pintado de interiores, reparación de portas e substitución de estores.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Vilar de Barrio contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

Ademais lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de  Vilar de Barrio nos últimos anos pois, froito do investimento de 8 millóns de euros en equipamento derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un electrocardiógrafo por un importe total de 4.000 euros. 

Colaboración da Xunta cos centros de saúde de titularidade municipal

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse  centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o Executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal.  Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2007 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Vilar de Barrio recibe 10.089 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora cofinanciando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.  

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud