A XUNTA E AS FUNDACIÓNS DE INVESTIGACIÓN BIOMÉDICADOS CENTROS SANITARIOS PÚBLICOS GALEGOS COLABORARÁNPARA IMPULSAR A EXCELENCIA CIENTÍFICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 06 2022

A  Xunta  de Galicia  autorizou  esta mañá  a  sinatura  de  tres  convenios  de  colaboración entre  a  Axencia  Galega  para  a  Xestión  do  Coñecemento  en  Saúde  (ACIS)  e  as  tres fundacións  de  investigación  biomédica  dos  centros  sanitarios  públicos  galegos:  a Fundación  Instituto  de  Investigación  Sanitaria  de  Santiago  de  Compostela  (FIDIS),  a Fundación  Profesor  Nóvoa  Santos  (FPNS)  e  a  Fundación  Biomédica Galicia  Sur  (FBGS). Estes  acordos  enmárcanse  no  ámbito  do  Programa  para  o  impulso  de  actividades  de fomento  da  investigación  traslacional  de  excelencia  en  saúde  de  Galicia  (Programa InTres). Os convenios contan  cun orzamento total de 606.126 euros, que se repartirá en tres anualidades, entre 2022 e 2024.

O programa InTres xorde da necesidade de fomentar a colaboración e o intercambio de coñecemento  entre  os  implicados  nas  actividades  de  I+D+i do  sistema  de  saúde  de Galicia,  así  como  o  desenvolvemento  e  a  innovación  tecnolóxica  necesarios  para incrementar a competitividade do sector biosanitario e mellorar a saúde da poboación galega.  InTres  fomenta  o  impulso  da  investigación  traslacional  como  principal ferramenta  que  permite  a  procura  de  solucións  aos  problemas  atopados  na investigación  clínica  e,  tamén,  a  posta  en  práctica  dos  coñecementos  obtidos  coa investigación básica nunha investigación clínica posterior que redunde en beneficio das persoas, ao tempo que permita trasladar eses resultados científicos ao sector produtivo.

Deste xeito, e para acadar os obxectivos do programa InTres, os convenios autorizados hoxe  recollen  unha  serie  de  liñas  de  actuación  tales  como  incrementar  a  cultura científica, tecnolóxica e innovadora dos principais axentes do ecosistema galego de I+D en saúde, e  aumentar a  difusión dos resultados da investigación científico-técnica e da innovación  financiados  con  fondos  públicos.  Tamén  se  prevé  mellorar  a  educación científico-técnica  da  sociedade  en  todos  os  niveis,  colaborar  na  profesionalización  da divulgación  científica,  e  apoiar  o  establecemento  de  sinerxías  e  o  aproveitamento  de recursos para a divulgación do coñecemento en saúde.

Este  programa  está  en  concordancia  coa  Estratexia  Sergas  2020,  que  aposta  polo impulso  da  xestión  do  coñecemento  e  a  investigación  a  través  de  innovacións  nas organizacións,  con  liderado  en  investigación,  e  por  atraer  financiamento  para investigación,  así  como  polo  aproveitamento  de  coñecementos  particulares  para a mellora común do sistema.     

Outras actuacións a prol do traballo dos investigadores

A sinatura dos convenios autorizados hoxe é un paso máis nas actuacións levadas a cabo pola  Consellería  de  Sanidade  e  o  Servizo Galego  de  Saúde  para  apoiar  o  traballo  dos científicos que desenvolven as súas investigacións sanitarias en Galicia.

Así,  en  xuño  do  ano  pasado  asinouse  o  primeiro  convenio  colectivo  específico  para  o persoal das  fundacións de  investigación sanitaria de Galicia. Foi un primeiro paso para homoxeneizar  as  categorías  de  persoal,  introducir  melloras  salariais, regular  os distintos permisos de conciliación ou implantar plans de formación. 

En xaneiro deste ano asinouse a formalización da primeira spin-off con participación do Sergas  desde  a  súa  constitución.  Foi  promovida  por  persoal  investigador  dos  nosos institutos e puido tramitarse a través do Decreto 141/2018, do 25 de outubro, polo que se  regula  a  protección,  valorización  e  transferencia  dos  resultados  de  investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

En abril, o Consello da Xunta aprobou o contrato plurianual de xestión da ACIS ata o ano 2025,  introducindo  como  unha  das  principais  funcións  desta  axencia  a  de  consolidar unha estrutura de servizo de apoio ao persoal investigador. 

Ademais, quérese implantar unha plataforma do investigador con protocolos de xestión práctica  para  facilitar  as  funcións  administrativas,  intermediar  na  busca  de financiamento  e  resolver  as  consultas,  incidencias  e  cuestións  básicas  para  o desenvolvemento da súa actividade profesional.

En maio, a Xunta aprobou o decreto de oferta de emprego correspondente aos procesos de consolidación de emprego  público  na  nosa  sanidade,  polo  que  saen  a  concurso  34 prazas de persoal investigador que verá consolidados os seus postos. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud