ESPECIALISTAS EN UROLOXÍA E CIRURXÍA ENVÍAN UNHA MENSAXE ESPERANZADORA AOS PACIENTES CON INCONTINENCIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
24 06 2022

Os Servizos de Uroloxía e Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo súmanse á celebración da Semana Mundial de Continencia. O obxectivo é visibilizar a incontinencia anal e a urinaria, e enviar unha mensaxe de esperanza aos pacientes, xa que hoxe en día existen tratamentos moi eficaces que melloran de xeito importante a calidade de vida das persoas que a padecen. 

Precisamente, o Servizo de Uroloxía vén de incorporar unha nova técnica minimamente invasiva, que implica inxectar un material de recheo nas paredes da uretra para reducir a súa anchura  e axudar a reter os ouriños. 

Segundo afirma o urólogo do Chuvi Carlos Müller “trátase dunha técnica moi novidosa  e que presenta unha relación excelente entre a mínima agresividade e os resultados tan eficaces que temos obtido. A inxección dun macropolímero (bulking) estreita a luz uretral, de xeito que a paciente pode ouriñar sen problema ao tempo que se evita a perda de ouriños. Ademais de ser resolutivo, é un procedemento ambulatorio e non necesita repouso postoperatorio”.

Afecta ao 60% dos maiores de 60 anos

Estímase que aproximadamente un 60% dos maiores de 60 anos presentan algún tipo de incontinencia. Trátase dunha patoloxía con alta prevaleza pero que permanece oculta por moitos motivos como as falsas crenzas, os medos, etcétera. 

A pesar de ser un problema tan frecuente, poucos pacientes atrévense a consultalo, só 4 de cada 10; moitas veces porque se considera como algo “normal”, asúmeno como parte do envellecemento, ou ben, por vergoña ou descoñecemento. Por iso os especialistas insisten en que hai que deixar de considerar a incontinencia como algo normal e animarse a consultar.

800 probas urodinámicas anuais 

A incontinencia urinaria provoca múltiples consecuencias físicas como problemas de pel, infeccións de ouriños, etc., pero tamén unha importante deterioración da calidade de vida dos pacientes, perda de autoestima e depresión.

O Servizo de Uroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro realiza todas as probas necesarias para o diagnóstico da incontinencia urinaria. Así, realiza unhas 800 probas urodinámicas anuais, que son estudos especializados funcionais do comportamento da vexiga.

A clave está en realizar unha adecuada valoración da incontinencia, xa que non todos os tipos de perdas son iguais. Non é o mesmo perder ouriños ao tusir, esbirrar, ou correr (incontinencia de esforzo) que cando se perde coa aparición dun desexo súbito que é imposible pospoñer (incontinencia de urxencia). Unha correcta valoración da incontinencia garante os mellores resultados en canto ao tratamento. 

O tratamento debe axustarse a cada paciente. Pode ser conservador, con medidas xerais como cambios en certos hábitos de vida e exercicios de fortalecemento de solo pélvico; ou terapias farmacolóxicas; inxección de Botox na vexiga; ou incluso o tratamento cirúrxico (a colocación de mallas ou a inxección para encher a uretra)

Técnicas minimamente invasivas para a incontinencia anal 

En canto á incontinencia anal, a Unidade de Coloproctoloxía do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva estuda e trata a estes pacientes. 

Segundo explican os doutores Enrique Moncada e Vicenzo Vigorita, existen varios tipos de tratamentos, como a reconstrución do esfínter naqueles casos moi puntuais de lesións ou traumatismos postpartos, e as terapias minimamente invasivas. 

“Hoxe en día empregamos cada vez máis este tipo de tratamentos pouco invasivos, baseados na estimulación a través de corrente eléctrica do nervio tibial posterior ou das raíces sacras, con resultados moi satisfactorios e que melloran de xeito moi significativo a incontinencia”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud