O SERGAS LICITA POR PRETO DE 700.000 EUROS A OBRA PARA ALBERGAR A NOVA SALA DE NEURORRADIOLOXÍA DO HULA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 06 2022

O Hospital Universitario Lucus Augusti contará cunha sala de neurorradioloxía intervencionista de última xeración, que permitirá tratar na provincia patoloxías que ata o de agora se tiñan que derivar a outros centros hospitalarios, como a realización de trombectomías na fase aguda do ictus. Para ubicar a nova tecnoloxía, o Servizo Galego de Saúde vén de licitar a contratación das obras para a implantación desta nova unidade de neurorradioloxía no Lucus Augusti. Os traballos de construción da nova sala contan un orzamento de 694.613 euros.

O Hospital Universitario Lucus Augusti contará cunha nova sala de neurorradioloxía que permitirá asumir novos procedementos diagnósticos e terapéuticos que ata o de agora non se realizaban na provincia, como embolizacións ou tamén trombectomías na fase aguda do ictus (extracción dun trombo que bloquea a circulación do sangue)... sen necesidade de ter que derivar aos pacientes a centros como o de Santiago ou A Coruña. A Xunta de Galicia investirá 1,2 millóns de euros na dotación deste novo equipamento de neurorradioloxía de última xeración, que sumados aos preto de 700.000 euros que se destinarán ás obras, supón un investimento total de case 2 millóns de euros para dotar ao HULA dunha área de radioloxía intervencionista minimamente invasiva, con equipos avanzados para a exploración e tratamento de patoloxías de cabeza, colo... 

A adquisición da nova sala de neurorradioloxía forma parte do plan de renovación tecnolóxica e de equipamentos da Xunta de Galicia, que se enmarca no Plan Inveat (Inversión en Equipos de Alta Tecnoloxía), financiado pola Unión Europea a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation EU. 

Anxiógrafo biplano

A neurorradioloxía é a radioloxía especializada no sistema nervioso, que trata de diagnosticar anormalidades do sistema nervioso central e periférico, medula espiñal, cabeza e colo, mediante imaxes obtidas por tomografía axial computerizada (TAC), resonancia magnética nuclear (RMN), radiografía e ecografía. Pola súa banda, a neurorradioloxía intervencionista é un tipo de cirurxía minimamente invasiva que se basea no diagnóstico e tratamento de determinadas lesións en zonas como o cranio, a medula espiñal... e que a través dos vasos sanguíneos pode evitar intervencións cirúrxicas en determinadas patoloxías como aneurismas ou malformacións arteriovenosas.

A nova área de neurorradioloxía do HULA, que suporá un investimento de  2 millóns de euros, constará dun anxiógrafo biplano e dun TAC de última xeración, que permitirán a abordaxe de novas patoloxías, entre elas o tratamento do ictus, con mellor calidade de imaxe e redución das doses de radiación. A incorporación desta nova sala supón un gran salto tecnolóxico, pois non só mellora a visualización e tratamento da patoloxía cerebral, senón tamén a precisión, e permite diminuír a dose de radiación que recibe o paciente.

A sala contará con tecnoloxía de último nivel e estará emprazada nunha zona de ampliación que xa estaba prevista no Servizo de Radioloxía do HULA e que será sometida a obras para este fin.  As novas instalacións distribúense nunha gran sala, con características cirúrxicas, onde se emprazará o anxiógrafo biplano, unha sala de TAC, entre outros espazos.

Entre o equipamento co que contará a nova sala de neurorradioloxía destaca un anxiógrafo biplano con escáner incorporado, o sistema máis avanzado para o diagnóstico e tratamento de ictus -realización de trombectomías-, aneurismas e malformacións arteriovenosas cerebrais, todo elo usando a mínima dose de radiación, o que supón unha importante mellora tanto para o paciente como para os profesionais. 

Ademais, o equipo permitirá o tratamento de lesións cerebrais de forma minimamente invasiva, sen necesidade de abrir o cranio do paciente, o que minimiza o risco de complicacións e mellora a súa seguridade. O anxiógrafo biplano ademais permite obter dúas imaxes simultáneas, ganando seguridade e precisión, reducindo o tempo de intervención e de complicacións e mellorando o postoperatorio e prognóstico do paciente.

O nova sala de neurorradioloxía intervencionista usará tecnoloxía moi avanzada con doses moi baixas de radiación ionizante, ademais de realizar os estudos de xeito máis rápido, o que reduce o impacto radiolóxico sobre o paciente. Así mesmo, amplía o espesor do cerebro que se pode estudar e conta con maior campo cerebral de estudo. 

Desta tecnoloxía tamén se beneficiarán pacientes con patoloxías vasculares e neurovasculares, de columna vertebral e aqueles que padecen tumores de cabeza e colo, entre outros, sen necesidade de cirurxía aberta en moitos casos.

Dotación de equipos de última xeración

A Xunta de Galicia considera moi importante a dotación de equipos de avanzada tecnoloxía para mellorar os diagnósticos, tratamentos, seguridade e recuperación dos pacientes e acercar aos usuarios todos os medios diagnósticos e terapéuticos posibles, favorecendo a equidade no acceso a estas prestacións.

De feito, a Xunta de Galicia xa autorizou tamén a contratación dun PET-TC para o Hospital Universitario Lucus Augusti, cuxa incorporación tamén permitirá atender na provincia a pacientes que agora teñen que ser derivados a outros hospitais. A instalación do PET tamén requirirá a realización de obras no Servizo de Medicina Nuclear do HULA, que implicará, só en obra civil, un investimento de máis dun millón de euros.

A tecnoloxía PET (Tomografía por Emisión de Positróns) é actualmente un dos sistemas de diagnóstico máis avanzados que existen, pola súa capacidade para visualizar o funcionamento e metabolismo dos tecidos, ata o punto de poder observar o comportamento anómalo das células antes de que estas conformen un tumor observable polos sistemas convencionais.

Trátase dun equipo con amplas posibilidades diagnósticas nos ámbitos da oncoloxía e a neuroloxía, entre outros. No campo do cancro preséntase como un instrumento moi eficaz na detección e localización de tumores mesmo antes de que cheguen a ser visibles anatomicamente. Tamén permite coñecer o estado, características e grao de influencia das formacións tumorais, así como predicir a resposta a tratamentos con quimioterapia e monitorizar eses tratamentos.

Estas adquisicións enmárcanse, como dixemos, no Plan INVEAT, cuxo obxectivo principal é incrementar a supervivencia global e a calidade de vida das persoas mediante o diagnóstico de enfermidades en estadios temperáns, posibilitando a intervención terapéutica rápida, con especial atención ás patoloxías de maior impacto sanitario, presente e futuro do Sistema Nacional de Saúde, como son as enfermidades crónicas, as oncolóxicas, e as  raras e as neurolóxicas. Todo elo, consolidando a equidade no acceso á alta tecnoloxía e mellorando a calidade asistencial e a seguridade de pacientes e profesionais.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud