​ A XUNTA ACADA UN ACORDO UNÁNIME NA MESA SECTORIAL DE SANIDADE PARA 10 MEDIDAS DE MELLORA NO ÁMBITO DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 06 2022

 

O Goberno galego acadou esta mañá un acordo unánime na Mesa Sectorial de Sanidade sobre un conxunto de 10 medidas retributivas de recoñecemento no ámbito de atención primaria, e que mellorarán  a continuidade asistencial dos pacientes que non teñen un médico dixo asignado.
 
Nomeadamente, na xuntanza presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana María Comesaña Álvarez, e na que participaron representantes dos sindicatos CIG, CCOO,CSIF, SATSE e UGT, aprobouse por unanimidade:
 
A nova posibilidade que se habilita de acumulación de cartillas dunha praza vacante de médico, permitindo unha maior continuidade na atención a pacientes. Así, en caso de vacante do seu médico habitual poderá ser atendido de forma estable por outro facultativo de referencia ata que se produza a cobertura definitiva da praza. Así, permitirase a acumulación dun máximo de 300 cartillas, cunha prestación adicional de xornada de 4 horas e media á semana, e unha retribución anual de 12.000 euros ano ou parte proporcional.
 
No que atinxe ao incremento do prezo da prolongación de xornada, as prolongacións de xornada por riba do horario ordinario realízanse por médicos de familia, pediatras de atención primaria e enfermeiros.
 
Respecto ao incremento do prezo da intersubstitución, nas categorías de médico de familia, pediatra de atención primaria, odontólogo, fisioterapeuta e persoal de enfermería, modificarase a fórmula de cálculo existente. Actualmente, os profesionais das unidades repártense o 70% das retribucións fixas do ausente ao que substitúen con pacientes na súas axendas correspondentes ao cupo ausente. Desde agora, aplicarase un 100% no reparto.  Ademais, engádese a intersubstitución na categoría de matrón/a, que ata agora non tiña recoñecido dito concepto.
 
Sobre o incremento de retribucións nos postos de difícil cobertura, establecerase un incremento dun 50% nas contías vixentes. Ademais, engadiranse novos centros de atención primaria en localidades de difícil cobertura, incrementando os centros actuais declarados como de illamento.
 
Nestes novos centros percibirase a modalidade F do complemento de produtividade que pasará a retribuír o illamento e tamén as dificultades de cobertura. Ademais, todo o persoal destes centros terán unha valoración adicional nos baremos dos procesos selectivos e carreira profesional, e nas categorías de licenciados sanitarios tamén en concurso de traslados, nos mesmos términos que se aplican actualmente aos servizos prestados en centros illados.
 
Entre as medidas acordadas esta mañá, será de aplicación ao persoal médico e de enfermería dos PACs un incremento do valor hora de xornada complementaria en PAC a partir da prestación de 160 horas/mes, recoñecendo con maiores contías a implicación e dedicación de este persoal.
 
Nesta mesma liña, e polos mesmos motivos, incrementarase o valor hora do persoal médico de familia de atención ordinaria que realice gardas en PAC a partir de 550 horas anuais, cun 20% adicional do valor actual, como un incentivo á esta prestación.
 
A cobertura de ausencias en atención primaria, unha vez esgotadas as posibilidades de contratación, serán reguladas nun marco común para todas as áreas, homoxeneizando o tratamento,  mediante un protocolo asistencial onde constarán as causas que dan lugar a intersubsitución por ausencias de titular, actualizando as causas vixentes vinculadas a permisos de libre designación e ausencias como vacacións e IT para ampliar a outros permisos,  así como tamén recollendo un sistema coordinado que dea lugar a activación da intersubstitución e da xornada complementaria para o tratamento homoxéneo en todas as áreas de ambos conceptos.
 
Ademais, regularase mediante un marco común a prolongación de xornada ordinaria, con axendas reguladas, horarios e indicadores de seguimento da actividade. As anteriores regulacións negociaranse na Mesa sectorial, antes do 30 de Setembro de 2022, no marco do Plan de ordenación. 
 
Na reunión desta mañá, quedaron emprazados a continuar coa negociación no ámbito de atención primaria onde se teñen realizado importantes avances na organización asistencial e de Recursos Humanos, recoñecendo o esforzo do persoal de xestión e servizos, así como a súa implicación nos programas de implantación das axendas de calidade, XIDE e CMR 11,  garantindo os reforzos nese ámbito.
 
A Consellería de Sanidade valora o acordo acadado e o esforzo negociador das partes a prol do persoal que traballa na atención primaria. 
 
Incentivos ante a situación de déficit de especialistas
Estas medidas responden ao anuncio feito o pasado día 14 polo conselleiro de Sanidade ante o Parlamento de Galicia da proposta dun conxunto de medidas de incentivos para aqueles profesionais sanitarios que teñan que facer xornadas complementarias, atender aos pacientes dun compañeiro ausente ou dar servizo a centros sanitarios no rural que necesitan atención de proximidade. Ao respecto deste tema, o titular da Consellería de Sanidade dixo que o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 xa contemplaba, nas súas liñas estratéxicas, un novo modelo de cobertura das ausencias cun compromiso de revisión das condicións de prestación económica da prolongación de xornada, co obxecto de incentivar as mesmas.
 
O conselleiro lembrou a intención do Goberno galego de ofrecerlles unhas mellores condicións aos profesionais que teñen que traballar nun marco global complicado como o actual e que se intensificará no verán, ante a imposibilidade de incorporar máis profesionais médicos ao sistema pola situación de déficit de especialistas de medicina de familia que está a sufrir todo o Sistema Nacional de Saúde. Nesa liña, expuxo varias medidas fundamentais que foron trasladadas ao Goberno de España para que tome, no ámbito das súas competencias, para solucionar o déficit de profesionais sanitarios.
 
Estas medidas inclúen o cambio do sistema de elección de prazas MIR, a creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, a revisión dos requisitos de acreditación de unidades docentes para formar máis médicos de familia e a convocatoria de prazas extraordinarias de medicina de familia nos próximos procesos MIR para cubrir as xubilacións previstas nos vindeiros anos.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud