A XUNTA DESTINA MÁIS DE DOUS MILLÓNS DE EUROS PARAPROGRAMAS DE PREVENCION DE CONDUTAS ADICTIVAS PARAENTIDADES PRIVADAS SEN ÁNIMO DE LUCRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 06 2022

​O Consello da Xunta autorizou hoxe a convocatoria 2022-2025 de subvencións para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro. A contía das subvencións concedidas por Sanidade ascende a 2.040.000 euros e supón un incremento do 2 % respecto da anterior convocatoria. Inclúen, ademais 394.225,50 euros procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos adictivos.

A Consellería de Sanidade introduciu unha serie de cambios nesta nova convocatoria de axudas para actualizala e mellorala respecto a anterior. Entre as máis significativas, para facilitar o traballo das entidades beneficiarias, realizarase un anticipo do 100 % dos importes das anualidades correspondentes, que serán xustificadas ao rematar cada período. Ademais, inclúese a obriga de xustificar os gastos da actividade realizada mediante informe de auditoría externa a entidades que reciban unha subvención de máis de 150.000 €.

As actividades desenvolvidas no marco destas subvencións permitirán potenciar a protección e redución do impacto de factores de risco asociados ao consumo de substancias psicoactivas. Tamén van promocionar estilos de vida saudables e de ocupación de tempo libre entre a mocidade galega; ademais de fomentar a función de axentes de saúde das familias e doutros colectivos implicados na prevención, como docentes e asociacións. Estas actividades buscan, así mesmo, reducir a incidencia de problemas sociosanitarios relacionados co uso e o abuso de substancias psicoactivas e con certas adiccións comportamentais, entre outros obxectivos.

Na anterior edición desta convocatoria beneficiáronse das axudas un total de 18 entidades sen ánimo de lucro. 

A planificación estratéxica vixente en Galicia en materia de trastornos adictivos segue as prioridades e liñas de actuación definidas tanto pola Estratexia nacional sobre drogas como pola Estratexia da Unión Europea en materia de loita contra a droga. Neste sentido, a Consellería de Sanidade constituíu no pasado mes de abril os grupos de traballo que procederán a elaborar o Plan de trastornos adictivos de Galicia 2023-2026.Estes grupos están integrados tanto por persoal da Xunta de Galicia con responsabilidades na xestión de servizos vinculados directa ou indirectamente coas condutas adictivas, como profesionais técnicos de concellos e entidades sociais que traballan no campo das adiccións, da prevención, da asistencia e a incorporación social.

Esta convocatoria de subvencións enmárcase dentro do conxunto de actividades que se desenvolven no marco da planificación estratéxica sobre prevención de condutas adictivas, que inclúe tanto actuacións preventivas como de redución de riscos e diminución de danos, así como medidas lexislativas e de vixilancia da normativa vixente en materia de condutas adictivas.

Estas subvencións permiten manter unha estreita colaboración en materia de promoción de estilos de vida saudables entre a Xunta de Galicia e as entidades privadas sen animo de lucro financiados.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud