GALICIA E EUSKADI PROPOÑEN AO GOBERNO CENTRAL MEDIDAS DE CHOQUE URXENTES PARA A INCORPORACIÓN DE MÁIS PROFESIONAIS DE MEDICINA Á ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 07 2022

Galicia e Euskadi propoñen á ministra de Sanidade medidas de choque urxentes destinadas á incorporación de máis profesionais de medicina á atención primaria, para que sexan tratadas no Consello Interterritorial.

O conselleiro de Sanidade de Galicia, Julio García Comesaña; e a conselleira de Saúde de Euskadi, Gotzone Sagardui, asinaron un manifesto de carácter aberto para reforzar a atención primaria. O documento xa o remitiron ao Ministerio de Sanidade e van presentalo no Consello Interterritorial do próximo mércores. No mesmo dise que, máis aló do Plan de Acción de Atención Primaria, ante o déficit de especialistas que padecen todos os servizos de saúde autonómicos, necesítanse "medidas de choque urxentes" dentro das competencias en formación de especialistas que dependen de forma exclusiva do ministerio.

No documento, expóñense seis medidas competencia do Ministerio de Sanidade, que pasan por non deixar prazas desertas MIR; a creación doutras especialidades para evitar o desprazamento de profesionais de medicina familiar e comunitaria; a ampliación do número de prazas de formación especializada; un plan extraordinario de formación; ou unha planificación rigorosa de futuro, entre outras. 

Apoiado nas previsións de informes do propio Ministerio de Sanidade, o manifesto expón que o escenario de déficit de especialistas en medicina de familia tenderá a agravarse co elevado número de xubilacións previsto para os próximos anos, e que, o único modo de compensalo, é a través da incorporación de ao redor de 1.000 prazas formativas máis desta especialidade nas convocatorias anuais dos próximos anos.

"Non hai agora mesmo na sanidade un problema máis urxente nin unha necesidade máis perentoria. Por iso, debemos adoptar un compromiso conxunto para sacar adiante co máximo consenso as medidas de competencia estatal que teñen a chave para solucionar esta situación."

Galicia e Euskadi chaman ao resto de comunidades autónomas e ao ministerio a "un compromiso conxunto para sacar adiante co máximo consenso as medidas de competencia estatal que teñen a chave para solucionar esta situación". 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud