A XUNTA PRESENTA NO PARLAMENTO O PLAN DE OBESIDADE ZERO E SOLICITA A COLABORACIÓN DA CÁMARA PARA O DESENVOLVEMENTO DO MESMO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 07 2022

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, para o comezo da tramitación do Plan de Obesidade Zero, iniciativa do Goberno galego que se centra na prevención do sobrepeso e a obesidade dende unha perspectiva de saúde pública. Na súa intervención, a directora xeral solicitou a colaboración da Cámara no desenvolvemento deste Plan, que conta co aval de once sociedades científicas.

É de vital importancia que todos os axentes sociais, sanitarios e políticos demos unha mensaxe común, e poñamos de manifesto a nosa implicación para reducir o sobrepeso e a obesidade en Galicia, cunha perspectiva de saúde en todas as políticas, é dicir, ter presente, en todo momento, as implicacións en saúde que teñen non só as políticas sanitarias senón, as non sanitarias”, -remarcou Carmen Durán-.

Tamén sinalou que “se queremos dimensionar e poñer cifras ao problema do exceso de peso hai que incidir en que a súa importancia radica na morbimortalidade asociada, así como a súa contribución como factor de risco na aparición e mala evolución de enfermidades crónicas, como é o caso da diabetes e dos problemas cardiovasculares, ou determinados procesos oncolóxicos”.

Tal e como sinalou a directora de saúde pública, segundo os datos da Enquisa europea de saúde, realizada no ano 2020, o 39% da poboación galega ten sobrepeso e o 16,5% presenta obesidade, o que supón un total de 357.000 galegos e galegas. Ademais, o 41,3% da poboación adulta galega é sedentaria, e seis de cada dez non realiza exercicio físico durante o tempo de ocio. Así mesmo, só tres de cada dez persoas consume a diario verduras, ensaladas e hortalizas, e tamén tres de cada dez galegos toma doces todos os días. Estamos, por tanto, -dixo Carmen Durán-, “ante un problema grave de saúde pública non que cómpre tomar medidas”.

Por este motivo, elaborouse este Plan de Acción no que se estableceu como meta reducir a prevalencia de sobrepeso nun 15% nos próximos oitos anos en Galicia, “un período temporal máis longo do habitual, pero necesario para acadar resultados no caso de accións de promoción da saúde”.

Factores protectores

Segundo incidiu Carmen Durán, con este plan diminuiranse os niveis de sobrepeso e obesidade da poboación galega dunha maneira positiva, é dicir, “promovendo os factores protectores fronte ao sobrepeso e a obesidade, que son a alimentación equilibrada, a actividade física regular e evitar o sedentarismo. Estes factores están, ademais, relacionados uns con outros, de maneira que cando mellora un, o fan os outros tres”.

Adicionalmente, o plan propón facelo buscando que a opción saudable sexa a máis fácil de elixir, coas intervencións que amosan evidencia da súa eficacia que son, en primeiro lugar, modificar as contornas; en segundo término, capacitar na toma de decisións e, en terceiro, fomentar a investigación e a innovación en promoción da saúde. Todo isto, -remarcou Carmen Durán-, “tendo presente que a peza clave é traballar de maneira coordinada e conxunta baixo unha perspectiva de saúde en todas as políticas”.

Tal e como recordou a directora xeral, o plan estrutúrase en tres eixos estratéxicos, once obxectivos e 41 accións. O primeiro dos eixos céntrase en potenciar as contornas promotoras de saúde, identificando cinco delas sobre as que actuar, a política, a escolar, a laboral, a comunitaria, e a sanitaria e sociosanitaria. O segundo dos eixos baséase na capacitación para a toma de decisións máis saudables, e o terceiro incide na investigación e innovación en promoción da saúde.

É necesario que todos fagamos un esforzo, tanto individual como colectivo, para integrar na nosa rutina diaria pequenos cambios cara a un estilo de vida máis saudable. Tamén solicítolles a súa axuda, para trasladarlle á cidadanía a importancia deste plan e promover políticas para que a opción saudable sexa a máis fácil de elixir”, -concluíu a directora xeral-.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud