SANIDADE ASINA UN CONVENIO COA FEDERACIÓN AUTISMO DE GALICIA PARA INCREMENTAR A SENSIBILIZACIÓN E ACCESIBILIDADE COGNITIVA NO ENTORNO SANITARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 07 2022

​​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a presidenta da Federación Autismo Galicia, María Mercedes Fernández Angulo, asinaron onte un convenio para o establecemento de mecanismos de sensibilización social e mellora na accesibilidade cognitiva dirixido as persoas con trastorno do espectro autista (TEA). O evento tivo lugar no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, na sala de neuroloxía Miguel Blanco, acondicionada con pictogramas e outros elementos de comunicación accesibles para este tipo de pacientes. Ao acto asistiu, así mesmo, a xerente da área sanitaria, Eloina Núñez.

Mediante a sinatura do proxecto, ambas partes comprométense a desenvolver actividades de inclusión e sensibilización, a traballar na promoción da saúde e a investir en formación específica para profesionais no ámbito do TEA. Así mesmo, búscase desenvolver mecanismos para a adquisición de hábitos saudables e habilidades funcionais nas persoas de espectro autista e reforzar a accesibilidade cognitiva, analizando as barreiras que deben ser superadas.

A Federación Autismo de Galicia agrupa diversas entidades e organizacións da nosa comunidade dedicadas especificamente ao ámbito das persoas con trastorno do espectro autista. Entre elas, atópanse aquelas que teñen como finalidade a información, valoración e asesoramento ás persoas con TEA e ás súas familias; así como actividades relacionadas coa sensibilización, información e difusión deste trastorno.

Orzamento

O Sergas destinará un total de 43.405 euros para subvencionar os gastos do desenvolvemento das actividades do proxecto, compatible á vez con outras axudas e ingresos dirixidos á mesma finalidade que procedan de calquera Administración, entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Para seguimento do convenio, a federación facilitará canta documentación sexa requirida no exercicio das funcións de control, tanto ao Sergas como a outros órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud