A XUNTA DESTACA ANTE RESPONSABLES DE INSTITUCIÓNS EUROPEAS O ÁLVARO CUNQUEIRO COMO EXEMPLO DE BO USO DOS FONDOS COMUNITARIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 07 2022

 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañou esta tarde a representantes de institucións como o Parlamento Europeo, a Comisión Europea ou o Banco Europeo de Investimentos nunha visita ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que as institucións consideraron como un exemplo de bo uso dos fondos europeos e coa que poñen colofón á xornada ‘Europa inviste na miña rexión’ que celebraron hoxe en Galicia.

 

O Álvaro Cunqueiro é un dos hospitais máis avanzados da contorna e que une as mellores condicións de comodidade para os pacientes e as súas familias. Faino ademais cun elevado nivel profesional, que dispón de tecnoloxía punteira e que contribúe a prestar unha medicina de vangarda.
Este hospital púxose en marcha en 2015 e desde entón realizáronse nel 83.400 intervencións cirúrxicas, atendéronse 1.200.000 urxencias, e 2.600.000 consultas externas; ademais de traer ao mundo a 23.400 bebés.
 
Mención especial merece a crise da pandemia, un período no que o centro demostrou a súa fortaleza e a súa capacidade, converténdose nun referente ao adoptar  procedementos pioneiros en Galicia e en España, que posteriormente foron acollidos noutros centros hospitalarios.
 
Casos coma os “Covid-Auto” ou o chamado Pooling, proceso de agrupamento de análise de mostras PCR, que contribuíron a incrementar a capacidade diagnóstica da área. Neste contexto, cabe subliñar tamén a creación da Unidade Postcovid, de seguimento de pacientes que padeceran a enfermidade.
 
Ademais, ao longo destes anos foi incorporando equipamento como o da nova sala de electrofisioloxía, por valor de 444.030 euros (2017); un quirófano híbrido, por un importe aproximado de 1,2 millóns de euros (2017); un TAC intraoperatorio, por 573.485 euros (2018); un microscopio electrónico, por 484.000 euros (2020); equipamento para torres de endoscopia por 461.845 euros (2020) ou un robot cirúrxico Da Vinci, por 3,2 millóns en 2021. Todo este equipamento foi adquirido pola Xunta de Galicia co apoio do cofinanciamento a través de fondos europeos FEDER e REACT.
 
Uso de novos fondos para renovar unidades e equipamento
Na visita, o conselleiro de Sanidade informou ás autoridades europeas de que a Xunta de  Galicia seguirá destinando fondos procedentes da Unión para incorporar máis melloras no Hospital Álvaro Cunqueiro, tanto en materia de infraestruturas como de equipamento.
 
Así, o goberno galego está a desenvolver neste ano os procesos para a creación de cinco unidades novas no Hospital Álvaro Cunqueiro que suporán un investimento total de 2,6 millóns de euros e que mellorarán a atención en saúde mental, cardioloxía, hospitalización a domicilio ou enfermidades raras.
 
No apartado de obras, destaca a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil de agudos. Trátase dun proxecto previsto no Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 co obxectivo de dotar a nosa comunidade dunha segunda unidade de hospitalización para pacientes agudos de saúde mental infantís e xuvenís e cuxa obra terá un orzamento de arredor de 1 millón de euros.
 
Ademais, crearase un novo espazo para situar a unidade multidisciplinar de enfermidades raras contempladas na Estratexia Galega en Enfermidades Raras e que comezou a funcionar en Vigo a finais de febreiro. Esta obra foi licitada xa en xuño por máis de 150.000 euros.
 
Paralelamente, están en marcha reformas nas unidades de necropsias (obra xa licitada), rehabilitación cardíaca e hospitalización a domicilio (ambas co proxecto arquitectónico a piques de adxudicarse).
 
Por outra banda, a partida de 3,1 millóns, reservada nos Orzamentos do 2022 para novo  equipamento do Cunqueiro, destinarase na súa maior parte a equipar unha sala de intervencionismo e endoscopia avanzada de dixestivo e a crear un novo servizo de cirurxía maxilofacial.
 
A suma das reformas con este investimento en novo equipamento e obra representa preto de 6 millóns de euros, susceptibles de financiamento ao 100 % no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
 
Por outra banda, os orzamentos da Xunta incorporan fondos Next Generation para renovar e ampliar o equipamento de alta tecnoloxía en diagnóstico por imaxe, radioloxía intervencionista, radioterapia ou medicina nuclear. Durante a visita ao hospital, García Comesaña repasou o emprego que se fará destes fondos no Hospital Álvaro Cunqueiro, no que se renovarán e mellorarán equipos por un importe que rolda os 5 millóns de euros. En particular, mellorarase 1 TAC incorporándolle tecnoloxía espectral, por un importe de 1,2 millóns de euros; e renovaranse outros dous TAC por 978.000 euros; un equipo de radioloxía vascular, por 877.000 euros; e unha resonancia magnética, por valor de 1,5 millóns de euros.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud