O CHUAC INCORPORA UN DISPOSITIVO DE PERFUSIÓN QUE RECREA AS CONDICIÓNS IDEAIS PARA QUE UN FÍGADO SOBREVIVA FORA DO ORGANISMO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 06 2022

O CHUAC acaba de incorporar unha máquina de perfusión que imita a función que realiza o corpo humano e recrea as condicións ideais para que un fígado sobreviva fora do organismo. 

Ata agora, o fígado, unha vez extraído do corpo do doante, podía almacenarse de forma segura durante unhas poucas horas (tempo de isquemia fría). Con esta nova tecnoloxía de perfusión, os fígados sans, e incluso os dubidosos en canto á súa validez, agora poden manterse en mellores condicións evitando os danos que poden producir dende que o órgano é extraído do doante ata que se implanta no receptor.

Este importante avance no tratamento e mantemento do órgano extraído permite aumentar a cantidade de órganos dispoñibles para o transplante, ademais de optimizar os órganos que polas súas características chegarían en peores condicións, podendo afectar de xeito negativo ao resultado final. Os fígados de características dubidosas de doante cadáver, pódense optimizar nesta máquina para que diminúan os danos producidos pola preservación, polo que chegarán en mellores condicións ao transplante

Este dispositivo de nova incorporación fai circular polo interior do órgano unha solución de preservación oxixenada para que as células sufran o menos posible durante o tempo que, o fígado neste caso, permaneza fora do organismo.

O método tradicional de conservación dos órganos en frío segue a ser a norma habitual. Este dispositivo so seria utilizado en órganos que necesiten unha mellora na preservación polas súas condicións.

Coa incorporación desta máquina de perfusión hepática o CHUAC consegue manter a excelencia dos programas de doazón e transplante de órganos, ademais de situarse como un dos centros con maior actividade transplantadora a nivel nacional.  

No que vai de ano, o número de transplantes hepáticos realizados no CHUAC ascende a 22, cifra similar á acadada por estas mesmas datas do pasado ano.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud