A CONSELLERIA DE SANIDADE INVIRTE MÁIS DE 660.000 EUROS NA ADQUISIÓN DE 29 RESPIRADORES PARA O CHUAC
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 07 2022

A Consellería de Sanidade ven de autorizar a adquisición de 29 respiradores (de transporte, volumétricos, BiPAP e de transporte RM) que terán como destino os servizos de Coidados Intensivos e Urxencias, ademais da unidade de Hospitalización a Domicilio do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O importe total desta compra ascende a 667.315 euros.

Con este investimento, o goberno galego continúa coa súa aposta por reforzar o equipamento dos centros sanitarios, na procura de acadar unha optimización dos servizos asistenciais da comunidade, e así garantir unha axeitada cobertura sanitaria ao conxunto da poboación galega.

A adquisición deste equipamento está financiado ao 100% pola Unión Europea no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19.

Esta compra está motivada polo novo plan funcional e de espazos deste centro sanitario para dar resposta a unha reorganización total da asistencia sanitaria en A Coruña.

 Evolución das obras da Fase 0 do CHUAC

O pasado mes de marzo, na visita realizada polo delegado da Xunta ás obras da fase 0 do CHUAC, a Xunta axilizou xa a contratación do equipamento que necesitarán estes novos espazos en canto entren en funcionamento neste ano. Nesas datas, o Portal de Contratos Públicos de Galicia publicaba un contrato de equipamento e mobiliario sanitario por valor de 2,5 millóns de euros, dos cales 1,7 irían destinados a dotar estes novos espazos do hospital coruñés.

En concreto, o contrato incluía 3 lotes destinados a equipamento tecnolóxico dos novos espazos da farmacia hospitalaria: 9 cabinas de seguridade biolóxica, 8 dosificadoras automáticas de estériles e un robot de preparación de mesturas parentais de citostáticos. Estes lotes teñen un valor conxunto de case 700.000 euros e supoñen unha importante modernización tecnolóxica do servizo de farmacia do CHUAC.

Por outra banda, outro lote de 741.000 euros ía destinado á adquisición de 35 camas de críticos para completar o mobiliario das novas UCI´s que se crearán con estas obras. E, finalmente, dentro doutros lotes de mobiliario que inclúen a outros hospitais, adquiriranse 45 camas, mesiñas e sillóns para as novas habitacións de hospitalización, 40 padiolas de exploración hidráulica, 40 carros de curas e 12 carros de parada.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud