A XUNTA DESTINA 4 MILLÓNS DE EUROS PARA QUE OS CONCELLOS GALEGOS DESENVOLVAN PROGRAMAS DE AXUDA A PERSOAS CON TRASTORNOS ADICTIVOS NAS UNIDADES ASISTENCIAIS DE DROGODEPENDENCIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 07 2022

A Xunta de Galicia vai investir máis de 4 millóns de euros para que os concellos galegos continúen a desenvolver programas de atención e protección da saúde, especialmente aqueles destinados a persoas que padecen trastornos de adiccións. 

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustixa e Deportes, Diego Calvo; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, asinaron hoxe o convenio de colaboración autorizado a pasada semana polo Consello da Xunta para o financiamento e desenvolvemento de programas de axudas para as Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UAD) nas que poder desenvolver programas  de promoción da saúde  e asistencia sanitaria ás persoas con trastornos adictivos, incluídos tanto aqueles relacionados con sustancias de uso ilícito como persoas con adiccións comportamentais ou outras sustancias psicoactivas. 

Trátase dun acordo que mantén a liña de colaboración iniciada  no ano 2014, pero que este ano 2022 incrementa o seu orzamento, superando por primeira vez os 4 millóns de euros. Ademáis, por primeira vez tamén se adianta a súa sinatura ao mes de xullo, xa que sempre se asinaba no último trimestre -entre outubro e decembro- do ano.

Así, a Xunta inviste un total de 4.022.800 euros para que, a través da FEGAMP como entidade colaboradora e representante única dos concellos, as entidades locais que se adhiran garantan a prestación de servizos esenciais para un sector da poboación como o das persoas que sofren trastornos adictivos, facilitando a accesibilidade e seguimento dos tratamentos. O convenio de colaboración contempla o financiamento e desenvolvemento deses programas de axudas para Unidades Asistenciais de Drogodependencias e Unidades de Día, a través dos concellos que dispoñan das mesmas, atendendo á planificación, criterios, guías, programas e procedementos establecidos polo Servicio Galego de Saúde no circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia publicado no ano 2011. 

Ao longo do exercicio 2021 foron asistidos ao abeiro deste convenio máis de 7.000 beneficiarios, dos cales arredor do 75% eran homes, e o 25% restante mulleres.

Con iniciativas como a aprobada hoxe, a Xunta quere fortalecer unha asistencia sanitaria accesible e de calidade, fomentar a promoción da saúde e ampliar as medidas para evitar ou diminuír o consumo de tabaco, alcohol e outras substancias prexudiciais para a poboación galega. Así mesmo, o Goberno galego amosa o seu compromiso no proceso de mellora continua e reforzamento dos servizos asistencias prestados en medios públicos.

Incremento neste ano de todos os programas de atención ás adiccións

Neste ano 2022 o financiamento global que a Xunta dedica  á atención ás adiccións dende equipos multidisciplinares e de 11.412.324 euros. Esta cantidade supón un incremento de máis de 500.000 euros respecto ao orzamento de 2021 que foi de 10.908.747 euros. 

Ademais deste convenio de apoio aos concellos, a Xunta de Galicia ten incrementado este ano todos os programas de financiamento a entidades sociais sen ánimo de lucro. En particular, o financiamento mediante convenios de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos medrou un 8%, ata os 6,8 millóns de euros mentres que o destinado a convenios para programas de incorporación social incrementouse un 4,6% ata chegar aos case 400.000 euros. Por último, a convocatoria de axudas ás entidades sen ánimo de lucro para realizar programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias experimentou un incremento dun 10% respecto á convocatoria do ano pasado.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud