A
Xunta de Galicia aprobou o acordo polo que acepta a cesión dun
terreo de 2.067 m² propiedade do Concello de Moaña para a
construción dun novo centro de saúde na localidade. Esta cesión,
feita a título gratuíto polo Concello de Moaña a favor do Servizo
Galego de Saúde, posibilitará a posta en marcha desta necesaria
infraestrutura sanitaria.
Cúmprese
así finalmente o compromiso de cesión de terreos adquirido mediante
convenio asinado entre Xunta e Concello en febreiro de 2020. Pola súa
banda, a Xunta comprometeuse a edificar, sobre o terreo que cedera o
Concello, un novo centro de saúde para Moaña tomando como base o
documento do Plan de Necesidades Sanitarias para Cangas e Moaña
presentado en xuño de 2018 e que proxectaba dous novas
infraestruturas: un Centro Integral de Saúde para Cangas na zona de
A Rúa, (que unificaría a atención ás urxencias dos dous concellos
nunha zona accesible para ambos) e un novo centro de saúde en Moaña
na parroquia de Sisalde.
Dada
a importancia desta actuación, e de xeito excepcional, aínda sen
ter transferida a parcela, o Sergas licitou en decembro de 2020 a
redacción do proxecto básico e as prestacións opcionais de
redacción do proxecto de execución e da dirección de obra do novo
centro de saúde. En consecuencia, esta dotación sanitaria foi
incluída na fase 0 – prioritaria- do Plan de Infraestruturas
Sanitarias de Atención Primaria da Xunta que aprobou o Consello da
Xunta en outubro de 2021.
Aínda
á espera da cesión da parcela, en xaneiro de 2022 a Xunta encargou
a elaboración do proxecto de execución do centro, xa supervisado e
aprobado polos servizos de obras do Sergas. En consecuencia, a Xunta
de Galicia tiña xa preparados os pregos para licitar, en canto se
recibise a parcela, a obra da nova dotación sanitaria de Moaña por
importe de 9,3 millóns e cun prazo de execución de 18 meses.
Porén,
o acordo plenario aprobado no Concello de Moaña esixe, unha vez
formalizada a cesión, a apertura dun período de información
pública e a publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia
de Pontevedra, para posibles alegacións. En consecuencia só unha
vez superada esta fase poderá procederse á licitación do contrato
de obra.
Incremento
considerable de superficie e espazos
Este
novo centro de saúde substituirá ao actual, emprazado na Casa do
Mar, e contará con máis de 3.500 m2, máis que duplicando a
superficie do actual.
O
novo centro proxectado incrementa de xeito considerable o número de
espazos respecto ao actual. En total, segundo o Plan Funcional,
contará con 8 consultas de medicina, 6 de enfermería, 1 de matrona,
sala de toma de mostras, sala de técnicas, 6 salas polivalentes, 2
consultas de pediatría, 2 salas de enfermería pediátrica e 2 salas
polivalentes de pediatría. Tamén, contará cun despacho de
coordinación, 1 sala de educación sanitaria e áreas bucodental, de
fisioterapia, así como un despacho para o traballador social e sala
de telemedicina e ecografías.
Tal
e como se comprometera a Xunta co Concello de Moaña, as salas
polivalentes situadas na planta baixa poderán ser usadas como Punto
de Atención Continuada namentres non se poña en marcha o PAC
unificado previsto no futuro Centro Integral de Saúde do Morrazo, do
que aínda se segue á espera de cesión de parcela por parte do
Concello de Cangas.
A
construción desta nova dotación en Moaña, xunto coas tres prazas
en propiedade que se cubrirán no centro grazas á convocatoria de
prazas de facultativo especialista en atención primaria aberta pola
Xunta este ano, permitirán dar unha mellor resposta aos problemas de
saúde da poboación con actuacións que permiten mellorar as
infraestruturas e dotacións adicadas á atención asistencial á
cidadanía no Concello.