A XUNTA AXILIZA A TRANSFORMACIÓN DIXITAL NO ÁMBITO DA SAÚDE PÚBLICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 08 2022

O Consello da Xunta autorizou na reunión celebrada hoxe a contratación, mediante acordo marco con varias empresas, dos servizos de desenvolvemento de sistemas vinculados á historia clínica electrónica e á relación dixital coa cidadanía, pacientes, profesionais e provedores por un valor estimado de 30 millóns de euros.

Este acordo da reunión do Consello da Xunta suporá a axilización da transformación dixital do Sistema Público de Saúde de Galicia e permitirá ao Servizo Galego de Saúde a selección de empresas que poderán optar á adxudicación dos contratos baseados no acordo marco para a prestación dos mencionados servizos, o que reducirá todos os prazos na contratación e facilitará o desenvolvemento de diversas liñas de actuación, todas no eido das tecnoloxías de información e comunicación aplicadas á sanidade. O acordo faise necesario tendo en conta que moitos destes proxectos financiaranse con fondos europeos como os FEDER, ou do Plan Nacional de Recuperación, Trans​formación e Resiliencia.

Neste avance de Galicia na transformación dixital no ámbito na sanidade pública destacan como proxectos prioritarios a implantación da historia clínica intelixente, a plataforma tecnolóxica para reducir a burocracia da actividade sanitaria, a mellora de canles de comunicación coa cidadanía, a rede de centros intelixentes e a aposta polo uso intensivo da Intelixencia Artificial e do big data.

Estes proxectos prioritarios do Goberno galego beneficiaranse da aprobación deste expediente a través da axilidade na contratación do desenvolvemento de novos sistemas de información; a contratación de servizos vinculados ao desenvolvemento de aplicacións, como a consultoría en sistemas e tecnoloxías da información, oficinas de proxectos ou oficinas de calidade e/ou seguridade. Ademais, inclúese o mantemento de aplicacións desenvolvidas a medida; o desenvolvemento de materiais e accións de apoio á captación e formación de usuarios, a contratación do soporte técnico en sistemas de información ou a dinamización de proxectos tecnolóxicos a través de canles online, como portais, blogs, redes sociais e outras vías de relación tecnolóxica con profesionais, pacientes e provedores.



Aposta pola transformación dixital da atención sanitaria

A contratación dos servizos de desenvolvemento de proxectos TIC en todo o ámbito da sanidade pública resume tamén as 5 liñas de actuación nas que traballa a Xunta de Galicia para a transformación dixital da atención sanitaria, nas que destaca a aposta pola transformación dixital da atención sanitaria en atención primaria e comunitaria. Tamén, a transformación dixital no ámbito da saúde pública. Outra liña de traballo inclúe a transformación dixital das 7 áreas sanitarias e a constitución dunha oitava área de saúde dixital.

Asemade, o Goberno galego aposta pola ampliación da infraestrutura TIC en hospitais e centros de saúde e polo desenvolvemento do Datalake de datos de saúde. Este último sistema pretende por en valor a inxente cantidade de datos de saúde almacenados no Sistema Nacional de Saúde para o fomento da investigación biomédica, dando plenas garantías á protección de datos.

Necesaria evolución dos sistemas de información

A incorporación de novas tecnoloxías médicas no ámbito sanitario, os cambios na relación da sociedade coas tecnoloxías da información, xunto cos retos derivados da pandemia esixen a transformación do entorno no que o Servizo Galego de Saúde realiza a súa actividade e presta os seus servizos. Para conseguir poñer en práctica estes novos modelos de asistencia sanitaria apoiados na transformación dixital, faise necesario evolucionar os sistemas de información que actualmente se utilizan dentro do organismo. Nesta evolución resulta clave este acordo marco que ven de aprobarse no Consello da Xunta de Galicia.



EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud