A
Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de
adxudicar a subministración do equipo PET-TC para o Hospital
Universitario Lucus Augusti (HULA), por un importe de 1.379.400
euros. A empresa adxudicataria é General Electric Healthcare España,
que disporá dun prazo máximo de dez meses desde a adxudicación do
contrato para a súa entrega e posta en funcionamento.
A
instalación do PET-TC precisa a realización previa de complexas
obras para poder crear no Servizo de Medicina Nuclear unha área
específica para esta alta tecnoloxía. A Xunta de Galicia investirá
máis dun millón de euros na execución das obras que require a
instalación deste equipo. Isto supón que o investimento final para
instalar o PET-TC do HULA superará os 2,5
millóns de euros.
O
PET-TC co que será dotado o HULA é un equipo de última xeración,
provisto dos últimos avances no diagnóstico e seguimento do cancro
e doutras enfermidades, que posibilitará detectar tumores antes de
que sexan apreciados por outras técnicas diagnósticas.
Ademais,
permitirá atender no HULA a todos os pacientes da provincia de Lugo
que precisen este método diagnóstico, sen necesidade de que teñan
que desprazarse a outros centros hospitalarios, como o de Santiago ou
Coruña. Ao redor de 1.500 lucenses necesitan cada ano someterse a
unha proba PET-TC, polo que unha vez instalado no HULA evitaráselles
ter que desprazarse fóra da súa provincia.
A
incorporación dun PET-TC ao HULA permitirá atender na provincia coa
tecnoloxía máis avanzada a todos os pacientes que a precisen, cun
equipo de gran precisión e resolución no diagnóstico de procesos
oncolóxicos, campo de actuación principal da tecnoloxía PET-TC,
pero tamén no eido da neuroloxía-demencias ou da cardioloxía. O
equipo está dirixido, principalmente, ao diagnóstico por imaxe das
enfermidades oncolóxicas e das patoloxías neurodexenerativas.
Permite
detectar tumores en estadíos moi precoces
O
equipo co que será dotada a Unidade de Medicina Nuclear do HULA é
un PET-TC de última xeración, un sistema integrado que aúna a
tecnoloxía PET cun tomógrafo computerizado (TC). Polo tanto, nun
mesmo equipo combínase a tecnoloxía PET, que ofrece información
metabólica e funcional dos tecidos, e as prestacións dun TC
(Tomografía Computerizada), que facilita imaxes anatómicas de alta
resolución, fusionando as vantaxes diagnósticas de ambas técnicas.
A
tecnoloxía PET (Tomografía por Emisión de Positróns) é
actualmente un dos sistemas de diagnóstico máis avanzados que
existen, pola súa capacidade para visualizar o funcionamento e
metabolismo dos tecidos, ata o punto de poder observar o
comportamento anómalo das células antes de que estas conformen un
tumor observable polos sistemas diagnósticos convencionais. Deste
xeito, a tecnoloxía PET permite detectar as patoloxías cando aínda
non presentan un signo físico, o que supón unha mellora moi
importante na detección precoz e prevención do cancro e doutras
enfermidades e, polo tanto, das expectativas de vida do paciente.
Así
pois, o equipo co que contará o HULA ofrecerá amplas posibilidades
diagnósticas nos ámbitos da oncoloxía, a neuroloxía e as
enfermidades cardíacas. No eido do cancro, preséntase como un
instrumento moi eficaz na detección e localización de tumores,
incluso antes de que cheguen a ser visibles anatomicamente con outras
técnicas de imaxe. Tamén permite coñecer o estado, características
e grao das formacións tumorais, así como predicir a resposta a
tratamentos con quimioterapia.
Na
ampla relación de tumores que se poden detectar e estudar mediante
PET-TC figuran os de pulmón, cabeza, fígado, ósos, mama, esófago,
páncreas, colorrectal, ovario, cancros linfáticos, entre outros.
En
neuroloxía, a Tomografía por Emisións de Positóns posibilita o
estudo de trastornos neurolóxicos e a detección e estudo de
enfermidades neurodexenerativas, como o alzheimer, o párkinson e a
epilepsia.
No
ámbito da cardioloxía, este equipo permite analizar a viabilidade
miocárdica e estudar a enfermidade isquémica.
Evitará
desprazamentos fóra da provincia
En
definitiva, a incorporación desta avanzada tecnoloxía permitirá
ampliar a carteira de servizos do HULA, cunha técnica diagnóstica
de última xeración que cubrirá a demanda asistencial dos
habitantes da área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos,
evitándolles desprazamentos a outras provincias.
Para
a adquisición do PET-TC, co que proximamente será dotado o HULA, a
Xunta de Galicia canalizou fondos europeos Next Generation que
permitirán adquirir alta tecnoloxía sanitaria para distintos
hospitais galegos.
Os
orzamentos da Xunta de Galicia para o 2022 están a supoñer un
investimento de máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e
equipamento sanitario para os centros da rede sanitaria pública
galega, continuando o investimento de máis de 60 millóns de euros
dos orzamentos de 2021, que permitiron adquirir sete sistemas
cirúrxicos robotizados Da Vinci para as sete áreas sanitarias
galegas e de 37 equipos radiocirúrxicos, así como ecógrafos...
entre outro equipamento.