A
Xunta de Galicia vén de publicar a resolución pola que adxudica á
empresa General Electric Healthcare España a renovación dunha das
súas tres resonancias móbiles. Este proceso pecha a aposta que
realizou o Goberno galego nos últimos anos para renovar esta flota,
que comezou en 2018 coa renovación dunha resonancia magnética
móbil, seguiu o pasado ano coa incorporación doutra, e continúa
neste exercicio, coa renovación da terceira, que vén de ser
adxudicada, por un importe de 891.680 euros.
En
consecuencia, a Xunta superará os tres millóns de euros de
investimento dedicado a contar con equipos punteiros neste sistema de
resonancias móbiles. Así, nun prazo de cinco anos terase renovado a
totalidade destes equipamentos, substituíndo equipos que contaban xa
con entre 12 e 15 anos.
Grazas
a estas resonancias móbiles, os pacientes galegos aforraron
milleiros de quilómetros en desprazamentos, garantíndose a
igualdade na asistencia a aquelas persoas que viven lonxe dos seus
centros de referencia. En concreto, estes equipos atenderon o pasado
ano a máis de 17.000 pacientes en toda Galicia, facendo máis de
21.000 resonancias magnéticas.
No
que respecta á Área Sanitaria de Ourense se fixeron 4.158 estudos
durante o ano 2021, cun total de 2.340 estudos no Hospital Público
de Verín e 1.818 no Hospital Público de Valdeorras. No que vai de
ano 2022 xa foron realizados 1.488 estudos radiolóxicos no Hospital
de Verín e 1.464 no de Valdeorras.
Os
novos equipos, de última xeración, supoñen tamén unha maior
flexibilidade e comodidade para os pacientes. En concreto, as
melloras do novo equipo móbil incorporan vantaxes en aspectos de
confort para o paciente, con dúas cabinas vestiario, así como unha
maior amplitude do habitáculo onde se adquiren as imaxes, e un
diámetro de imaxe de 70 cms, 10 máis que o anterior.
Desde
o punto de vista tecnolóxico, estas unidades móbiles levan
instalados equipos de resonancia magnética de alto campo, dos máis
avanzados que existen actualmente en Galicia, con capacidade para
realizar todas as exploracións posibles, desde as máis sinxelas ata
as de maior complexidade, coa máxima calidade diagnóstica.
Outras
melloras que se achegan no novo equipo móbil son unha resonancia de
campo alto, incluíndo os últimos avances nesta especialidade
diagnóstica. Permite, ademais, adquirir imaxes de Resonancia
Magnética sen desprazar aos pacientes grazas á telerradioloxía.
Xunto ao anterior, mellóranse os tempos e a calidade dos informes;
evítase a repetición de probas ao estar accesibles para consulta
polos clínicos no seu propio centro de traballo; e, así mesmo,
posibilítase a colaboración e formación en rede dos radiólogos
implicados.
Dispoñer
de tres equipos móbiles de RM garante ao sistema sanitario público
a posibilidade de utilizalos para cubrir o requirimento de calquera
hospital galego como apoio para resolver de xeito puntual un pico de
demanda, ou dar resposta a unha incidencia que obrigase a interromper
momentaneamente a actividade dunha resonancia fixa.
Fondos
europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria
Este
contrato entra dentro dos que está a tramitar a Xunta destinados a
canalizar os fondos NextGeneration da Unión Europea para a
renovación de equipamento sanitario. Ademais deste contrato de
resonancias magnéticas, que incluía outras oito ascendendo ata os
10,9 millóns de euros, o Consello da Xunta xa autorizou este ano
outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation
para a renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía
sanitaria, como a adquisición de catro aceleradores lineais por 8,9
millóns, de 36 TACs por 21,4 millóns, de tres equipos PET-TC por
5,5 millóns, de catro equipos de radioloxía vascular
intervencionista e catro equipos de neurovascular intervencionista
por 8,4 millóns de euros ou, máis recentemente, de sete equipos de
cardioloxía intervencionista por 5,9 millóns de euros.
Aposta
da Xunta polos hospitais comarcais
Esta
nova adxudicación demostra tamén
a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento dos
propios hospitais comarcais. Así, os sete hospitais comarcais terán,
no ano 2023, novos TACs no seu haber, xunto coas tres resonancias
magnéticas móbiles de última xeración rotando para darlles
servizo. A elo súmase á dotación de máis equipamento propio, como
os equipos radiocirúrxicos mercados en 2021 cun investimento de 4,3
millóns, dos que sete foron para os hospitais comarcais.
Tamén
o ano pasado a Xunta destinou seis millóns de euros para a
subministración de ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico
e urxencias. Deles, nove distribuiranse nos hospitais comarcais.
Neste
plan de renovación e modernización tecnolóxica, a Xunta tamén
adxudicou por 1,4 millóns de euros a renovación das lámpadas
cirúrxicas dos
quirófanos. Nesta licitación están incluídos igualmente os
hospitais comarcais.
Con
todo este investimento, a Xunta consolida a equidade no acceso á
alta tecnoloxía e á mellora da calidade asistencial e a seguridade
dos pacientes e profesionais tamén nos hospitais comarcais, que
contan con magníficos profesionais que poden empregar toda esta
tecnoloxía ao servizo da cidadanía.