A XUNTA ADQUIRE 4 NOVOS EQUIPOS TAC PARA O CHUAC CUN INVESTIMENTO DE 2,7 MILLÓNS DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 08 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións de adxudicación dos distintos procesos de contratación cos que adquiriu un total de 4 novos equipos de tomografía axial computerizada (TAC) para os distintos centros sanitarios do CHUAC.

Estas contratacións supuxeron un investimento de 2,7 millóns de euros para os que a Xunta canalizou fondos Next Generation da Unión Europea, achegando ademais fondos propios da administración autonómica para poder adquirir equipos de gamas superiores aos financiados polos fondos europeos. Isto, permitiu, por exemplo, que se vaia incorporar ao Hospital Universitario da Coruña un TAC de tecnoloxía espectral, que mellora a capacidade diagnóstica e diminúe as doses de radiación.

Todos estes equipos están destinados a renovar o equipamento xa dispoñible nos principais centros sanitarios públicos da cidade (Hospital A Coruña, Hospital Teresa Herrera e Hospital Abente y Lago) que xa contaban cunha antigüidade superior aos 10 anos.

Os distintos contratos fixan un prazos de entre 5 e 12 meses para a entrega deste equipamento, polo que a súa instalación efectuarase ao longo deste ano e do vindeiro. En particular, 2 dos equipos serán instalados no ano 2022 mentres que outros 2 restantes incorporaranse ao longo do ano 2023.

Fondos europeos para renovación de tecnoloxía sanitaria

Estes investimentos entran dentro dos que está a tramitar a Xunta este ano, por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario.

Polo momento, o Sergas xa adxudicou os contratos de catro aceleradores lineais por 8,9 millóns de euros, de nove resonancias magnéticas por 10,5 millóns de euros e de tres equipos PET-TC por 5,4 millóns.

Ademais deles, o Consello da Xunta xa autorizou este ano outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation para a renovación e ampliación do equipamento de alta tecnoloxía sanitaria aínda pendentes de resolver, como a adquisición de sete equipos de cardioloxía intervencionista por 5,9 millóns de euros e de catro equipos de radioloxía vascular intervencionista e catro equipos de neurovascular intervencionista por 8,4 millóns de euros.

Cómpre remarcar que Galicia está a renovar o 100% dos equipos que teñen unha antigüidade superior aos 12 anos e, no caso dos aceleradores lineais e dos TAC, vaise facer aos 10 anos. Así mesmo, estase a dotar ao Sergas de aparataxe adicional que permita elevar como mínimo un 15% a taxa media de densidade de equipos de alta tecnoloxía por 100.000 habitantes, mellorando a equidade no acceso en todo o territorio de Galicia, e achegando o servizo aos pacientes.

Estes dous obxectivos, redundarán en aumentar as capacidades diagnósticas dos centros do Sergas mediante a mellora das características técnicas que presentan os novos equipos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud