A XUNTA ADQUIRE POR ALGO MÁIS DE 400.000 EUROS UN NOVO TAC PARA O HOSPITAL COMARCAL DE CEE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 08 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución do  proceso de contratación co que adquiriu por 408.000 euros un novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC) para o Hospital Comarcal de Cee.

O novo equipo está destinado a renovar tecnoloxía xa dispoñible no hospital pero que xa contaba cunha antigüidade superior aos 10 anos.

Estes investimentos entran dentro dos que está a tramitar a Xunta este ano, por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario. A través deles abordou a renovación dos TACs dos sete hospitais comarcais galegos.

Aposta da Xunta polos hospitais comarcais

Esta nova adxudicación demostra tamén a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento dos propios hospitais comarcais. A esta renovación dos TACs súmase á dotación de máis equipamento propio, como os equipos radiocirúrxicos mercados en 2021 cun investimento de 4,3 millóns, dos que sete foron para os hospitais comarcais.

Tamén o ano pasado a Xunta destinou seis millóns de euros para a subministración de ecógrafos para os servizos de radiodiagnóstico e urxencias. Deles, nove distribuíronse nos hospitais comarcais.

Neste plan de renovación e modernización tecnolóxica, a Xunta tamén adxudicou por 1,4 millóns de euros a renovación das lámpadas cirúrxicas dos quirófanos. Nesta licitación están incluídos igualmente os hospitais comarcais.

Con todo este investimento, a Xunta consolida a equidade no acceso á alta tecnoloxía e á mellora da calidade asistencial e a seguridade dos pacientes e profesionais tamén nos hospitais comarcais, que contan con magníficos profesionais que poden empregar toda esta tecnoloxía ao servizo da cidadanía.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud