A XUNTA ENCOMENDA Á AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUTURAS AS ACTUACIÓNS PARA A REDACCIÓN DO PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE MUIÑOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 08 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a encomenda do Servicio Galego de Saúde á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión  das actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde de Muíños. Trala cesión do terreo, aprobada polo Consello da Xunta o pasado 4 de agosto, por parte do Concello de Muíños ao Servizo Galego de Saúde da parcela de 800 m2 na que se emprazará a nova infraestrutura sanitaria, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade encargarase da execución das obras de construción desta infraestrutura sanitaria.
 
O novo centro de saúde está previsto na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, e substituirá ao actual centro de atención primaria, que conta con 36 anos de antigüidade e importantes problemas estruturais, como o feito de compartir espazos con vivendas municipais, que dificultan a prestación da atención sanitaria.
O novo centro duplicará a superficie do actual, pasando dos 170 m² aos 340; será un edificio de uso exclusivo sanitario e contará con importantes melloras para os pacientes e para os profesionais. Así, terá unha sala polivalente, que non existía no actual, e disporá dunhas dimensións nas consultas cos criterios unificados do Servizo Galego de Saúde, así como con sala de xuntas, vestiarios e almacén.
 
Resposta do Concello á petición dunha parcela
A parcela sobre a que se edificará a nova infraestrutura é de natureza urbana e propiedade do Concello, que respondeu de inmediato á petición que a Xunta fixo en novembro de 2021 para a achega dunha parcela viable, cando menos cunha edificabilidade de 339 m2, para o futuro novo centro de saúde. A parcela foi avaliada como óptima polo persoal técnico do Sergas en decembro de 2021. En consecuencia,  o pasado 20 de maio procedeuse á sinatura do convenio entre o Sergas e o Concello de Muíños, no que o concello se comprometía a completar o proceso de cesión desta parcela, o que fai agora. Pola súa banda, o Sergas formalizou o pasado 14 de xullo a encomenda á Axencia Galega de infraestruturas da xestión das actuacións para a redacción do proxecto e execución das obras de construción deste centro.
 
Este centro de saúde está incluído no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, que no caso da provincia de Ourense, contempla a construción de oito novos centros de saúde en distintas fases.
 
En particular, na fase 1 figuran dentro desta planificación os novos centros de saúde de Muíños e Boborás, ambos cos convenios xa asinados e cuxos proxectos se licitarán este mesmo ano; así como o centro de saúde do Carballiño, sobre o que a Xunta vén de asinar esta mesma semana un protocolo co Concello para tramitar a súa construción na parcela da actual estación de autobuses.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud