A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución do proceso de contratación co que adquiriu por 408.035 euros un novo equipo de tomografía axial computerizada (TAC) para o Hospital comarcal do Salnés. O novo equipo está destinado a renovar alta tecnoloxía xa dispoñible no hospital arousán, que contaba cunha antigüidade superior aos 10 anos.
Este investimento enmárcase nos que está a tramitar a Xunta de Galicia o presente ano, por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación de equipamento sanitario. A través deles abordouse a renovación dos TACs dos sete hospitais comarcais galegos. O contrato de entrega deste equipamento contempla que a súa instalación efectuaráse ao longo do presente ano 2022.
Aposta da Xunta polos hospitais comarcais
Esta nova adxudicación amosa tamén a aposta que está a levar a cabo a Xunta polo equipamento dos propios hospitais comarcais. A esta renovación dos TACs súmase á dotación de máis equipamento propio, como os equipos radiocirúrxicos mercados en 2021 cun investimento de 4,3 millóns, dos que sete destináronse aos hospitais comarcais galegos.
Tamén o ano pasado, a Xunta destinou seis millóns de euros para a subministración de ecógrafos para os servizos de Radiodiagnóstico e Urxencias. Deles, nove distribuíronse nos hospitais comarcais do Servizo Galego de Saúde.
Neste plan de renovación e modernización tecnolóxica, a Xunta tamén adxudicou por 1,4 millóns de euros a renovación das lámpadas cirúrxicas dos quirófanos. Nesta licitación están incluídos igualmente os hospitais comarcais.
Con todo este investimento, a Xunta consolida a equidade no acceso á alta tecnoloxía e á mellora da calidade asistencial e a seguridade de pacientes e traballadores do Hospital do Salnés, que conta con magníficos profesionais que poden empregar esta tecnoloxía ao servizo da cidadanía arousá.