​A XUNTA PUBLICA A LICITACIÓN DA REFORMA E ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS PARA A AUTOMATIZACIÓN DO ALMACÉN DA FARMACIA DO CLÍNICO COMPOSTELÁ POR MÁIS DE 1.600.000 EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 08 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar a licitación para a contratación da obra de reforma e acondicionamento de espazos para poder implementar a automatización do almacén da Farmacia hospitalaria do Hospital Clínico de Santiago cun orzamento de 1.646.669 euros. Este proxecto constitúe a segunda fase das obras de remodelación integral do servizo de farmacia compostelá e acondicionará o espazo para poder instalar un carrusel automatizado, xa adquirido por un custe de case medio millón de euros. 

As obras da 1ª fase, xa a piques de rematar, lévanse a cabo no Andar -4 de hospitalización e en consultas externas, e supuxeron un investimento de 3 millóns de euros, que permitirá que o Hospital clínico de Santiago se convirta no centro galego coa área de elaboración de medicamentos máis extensa. Así, en breve, entrarán en funcionamento as 4 salas brancas con equipamento de vangarda para a elaboración de medicamentos e vestiarios específicos. Así como a automatización da dispensación ambulatoria en consultas externas.

A 2ª fase da reforma integral da farmacia compostelá acollerá un almacén totalmente automatizado cun carrusel horizontal de 4 liñas -unha delas refrixerada- que o converterá no almacén robotizado de farmacia máis grande da comunidade.

O programa funcional destas novas obras afecta a una superficie duns 800m2, que se distribúen en: zona de corentena e recepción; zona de almacén, cunha praia de entrada aos carruseis verticais e os horizontais; zona de distribución, e zona de mantenemento, co taller de electromecánica. 

A implementación da automatización vai permitir reducir o risco de erro humán na dispensación farmacolóxica, o control de stocks e a distribución ordenada según as necesidades. Incorpora o rexistro electrónico de movementos e facilita a trazabilidade de todos os procesos dos medicamentos. 

Así pois, grazas a estas actuacións a farmacia do CHUS avanzará na automatización de tres áreas: na de elaboración de medicamentos, especialmente os oncolóxicos e na terapia xénica, na de almacenaxe xeral para doentes hospitalizados e de hospitais de día e na de medicamentos para doentes ambulatorios, situada en consultas externas.

Creación de salas brancas 

Próximamente rematarán as obras da 1ª fase de remodelación do servizo de Farmacia, na que o Executivo galego destinou 1,5 millóns de euros e que supuxo a remodelación de máis de 700 metros cadrados e outros 1,5 millóns de euros para a dotación de equipos tecnolóxicos para optimizar esta área do complexo hospitalario santiagués. Entre estes equipos, destaca a adquisición dun robot, único en Galicia, destinado á preparación de medicamentos para o tratamento do cancro.

A obra permitirá crear circuítos diferentes para cada un dos fluxos de produción como produtos para fabricación, medicamentos elaborados, persoal e residuos. Estes circuítos evitarán posibles contaminacións, mantendo o criterio axeitado da cadea de presións, ben sexa para a fabricación de produtos estériles ou para o procesamento de produtos víricos, citotóxicos ou bioperigosos.

Por outra banda, tamén se levaron a cabo obras no edificio de Consultas Externas para acoller un robot totalmente automatizado para a dispensación farmacéutica, que permitirá unha maior trazabilidade no circuito do medicamento, máis eficiencia no almacenamento, e optimizará a atención aos pacientes ambulatorios.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud