O
Consello da Xunta autorizou hoxe a
contratación do mantemento e conservación das instalacións dos
hospitais Arquitecto Marcide e do Hospital Naval, dependentes da área
sanitaria de Ferrol, por un total de 2.991.131 euros e por un período
de 3 anos prorrogable por outros 2.
O
expediente autorizado polo Goberno galego inclúe a xestión
enerxética, o mantemento e a conservación dos edificios,
instalacións e equipos incluídos no ámbito de actuación destes
centros sanitarios.
Concretamente,
a contratación abrangue a xestión da eficiencia enerxética para a
optimización do consumo nas instalacións eléctricas, auga quente,
climatización e vapor; mentres que o servizo de mantemento comprende
o desenvolvemento das operacións necesarias de mantemento,
conservación dos edificios, instalacións e equipos dos centros
incluídos no ámbito de actuación da área sanitaria de Ferrol.
Así
mesmo, a empresa adxudicataria poderá propoñer e executar ao seu
cargo, previa aprobación da area sanitaria, todas aquelas melloras,
ampliacións, actualizacións, reformas e modificacións en
edificios, equipos e instalacións que xulgue necesarias para
mellorar as prestacións e rendementos enerxéticos dos centros.
Esta
actuación aprobada pola Xunta complementa tamén aquelas liñas de
traballo que a Consellería de Sanidade, a través da Dirección
Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, ten posto
en marcha no eido da mellora continua da calidade asistencial e da
sustentabilidade económica do sistema sanitario público galego.