GARCÍA COMESAÑA PON EN VALOR O TRABALLO DE AFAGA NA PROCURA DE MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS CON ALZHEIMER E DOS SEUS COIDADORES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 09 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistíu esta mañá en Vigo á presentación do proxecto de investigación  “Desenvolvemento de biomarcadores familiares de deterioro cognitivo e estrés familiar na enfermidade de Alzheimer”, que artellarán a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA), e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

O proxecto presentado esta mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro busca desenvolver por primeira vez biomarcadores que teñan en conta o binomio familia-paciente pois, a perda dos niveis de deterioración cognitiva do paciente, está asociado ao aumento do estrés dos seus coidadores principais. Así, a investigación procurará acadar, dun xeito sinxelo e non invasivo, un diagnóstico sobre o nivel de deterioración cognitiva do paciente e o nivel de estrés familiar dos seus coidadores. 

O máximo responsable da Sanidade galega gabou o traballo que realiza AFAGA en toda a comunidade galega, salientando que “é vital que todas as persoas con sospeita de padecer unha patoloxía deste tipo, conten cun proceso diagnóstico de calidade, un plan de intervención terapéutico axeitado, e que se lles realice un seguimento acorde ás distintas fases da súa enfermidade”. 

No proxecto, no que tamén participará persoal do Servizo Galego de Saúde, procederase á toma de mostras de saliva de pacientes que formen parte dos grupos de estimulación para, de seguido, ser comparadas coa dos voluntarios sen deterioración cognitiva que participen no taller de prevención de deterioración. Este mesmo procedemento tamén se levará a cabo cos coidadores dos pacientes.

O obxectivo é que a través destes biomarcadores se poida predecir o deterioro cognitivo de cada paciente así como o tipo de terapia  máis axeitada para cada caso, tendo en conta tamén ao seu coidador. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud