​OS 106 MÉDICOS QUE A XUNTA INCORPORARÁ NESTE MES ÁS PRAZAS DE DIFÍCIL COBERTURA CUBRIRÁN MÁIS DE 2.500 GARDAS DE PAC AO ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 09 2022


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que os 106 novos profesionais que se incorporarán este mes a prazas de difícil cobertura na atención primaria galega contribuirán a garantir a cobertura dos Puntos de Atención Continuada ao realizar, no seu conxunto, máis de 2.500 gardas de PAC ao ano.

Comesaña lembrou que isto se producirá grazas ás características das novas prazas de facultativo especialista en atención primaria, que combina atención ordinaria con gardas na atención primaria urxente e que a súa pronta incorporación será posible grazas á provisión extraordinaria destas prazas por concurso de méritos. Ambas circunstancias posibles grazas a unha reforma legal que recibiu o voto en contra dos grupos da oposición.

En resposta aos grupos sobre a actividade asistencial realizada no verán, o conselleiro destacou que os datos de actividade amosan que entre os meses de xullo e agosto de 2022 foron atendidas 2,28 millóns de consultas médicas na atención primaria galega, unha cifra de actividade superior a calquera ano prepandemia.

Comesaña defendeu que, pese aos problemas de escaseza de persoal especialista en medicina familiar e comunitaria que está a sufrir neste momento o conxunto de España, o Servizo Galego de Saúde conta hoxe con máis profesionais contratados neste nivel asistencial dos que tiña no ano 2009. A este efecto, o conselleiro entregou ao Presidente do Parlamento un documento elaborado por persoal técnico da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas que acredita esta evolución positiva e expón os erros existentes nas contas da oposición cando afirma que hai 960 efectivos menos.

Pola contra, a media diaria de profesionais contratados polo Sergas para a atención primaria galega era, a peche do ano 2021, de 9.523 efectivos. É dicir, 800 máis que a media diaria de profesionais contratados para este nivel asistencial durante o ano 2008. Esta diferencia correspóndese co aumento da dotación económica, pois o capítulo I de persoal para o programa orzamentario de atención primaria está dotado nos orzamentos de 2022 con 541,9 millóns de euros, case 100 millóns de euros máis que o dotado nesa mesma partida nos orzamentos para o ano 2009.

O titular da consellería de Sanidade destacou, asemade, o esforzo que está a facer Galicia por incrementar aínda máis os cadros de persoal na atención primaria, con iniciativas como o mencionado concurso de méritos para cubrir prazas de difícil cobertura, que se poderá reiterar grazas á nova lei remitida pola Xunta ao Parlamento ou co aumento de prazas formativas para futuros médicos de familia nas que Galicia medra un 45% este ano mentres a media española aumenta un 5%. 

García Comesaña demandou aos grupos parlamentarios apoio ás propostas realizadas pola Xunta e seis gobernos autonómicos máis ao Ministerio de Sanidade para a adopción urxente de reformas na regulación da formación sanitaria especializada, incluíndo a creación dunha especialidade para a medicina de urxencias e emerxencias que impida que as prazas formativas de medicina de familia sexan ocupadas por residentes cuxo obxectivo profesional non é traballar na atención primaria.

Actividade cirúrxica

Por outra banda, en resposta a unha interpelación sobre a actividade cirúrxica no verán, o conselleiro de Sanidade destacou que neste mes de agosto se realizaron 11.405 intervencións cirúrxicas, situando así o de 2022 como o agosto con máis actividade cirúrxica, superando mesmo os datos récord de 2019.

Quixo destacar deste xeito o esforzo do sistema sanitario galego polo incremento de actividade máis aló do descenso estacional no verán que ocorre no conxunto dos sistemas sanitarios autonómicos.

En todo caso, García Comesaña lembrou que as cifras de actividade cirúrxica e de consultas hospitalarias no último ano pechado (2021) amosan unha actividade superior ás do ano 2008 e afirmou o propósito do goberno galego de incrementar esta actividade ata superar nesta lexislatura os datos globais do ano 2019, ano récord da historia do Sergas ata o momento en actividade tanto cirúrxica como de consulta hospitalaria.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud