A XUNTA DE GALICIA VÉN DE OFERTAR A PRIMEIRA EDICIÓN DO CURSO DE PERSOA CAZADORA CON FORMACIÓN ORGANIZADO POLA ESCOLA GALEGA DE SAÚDE PÚBLICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 09 2022

As Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Medio Rural; e Sanidade, en colaboración coa Federación Galega de Caza, veñen de ofertar a primeira edición do Curso de persoa cazadora con formación, organizado pola Escola Galega de Saúde Pública, que se desenvolverá o día 14 de outubro de 2022 no salón de actos da Consellería de Sanidade, en Santiago de Compostela.

O obxectivo do curso é obter a credencial como persoa cazadora con formación, mediante a acreditación dos coñecementos para realizar o control in situ, sanitario e de hixiene das pezas de caza silvestre abatidas para seren destinadas ao consumo humano, así como do control de subprodutos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal, na práctica cinexética de caza maior, establecidos na normativa de aplicación (Regulamento (CE) nº 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal e Real Decreto 50/2018, do 2 de febreiro, polo que se desenvolven as normas de control de subprodutos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal, na práctica cinexética de caza maior).

Este curso de persoa cazadora con formación, que agora se vai a ofertar a través da Escola Galega de Saúde Pública, vén de cumprir cos requirimentos da normativa europea, nacional e autonómica.

Os contidos do curso inclúen catro módulos que se desenvolverán ao longo de sete horas, co que se pretende sensibilizar as persoas cazadoras sobre a importancia que ten a súa actuación desde o punto de vista da seguridade alimentaria, da sanidade animal e da sustentabilidade ambiental.

Coa superación deste curso, a persoa cazadora formada estará habilitada para facer o primeiro exame da peza abatida, distinguindo se esta e as súas vísceras teñen un aspecto normal, ou pola contra, presentan anormalidades que poden xerar dúbidas da posible inocuidade da carne.

Fomento da formación en saúde pública na sociedade

Unhas boas prácticas á hora do manexo das pezas de caza non só protexerá á persoa cazadora formada senón que vai a favorecer a seguridade alimentaria da carne para consumo humano. Por último, esta actividade vai a aumentar a formación específica en sanidade animal das persoas cazadoras, incidindo en que os brotes de enfermidades tamén poderían ter un impacto negativo no medio ambiente e na sanidade animal en animais domésticos e fauna silvestre, non só polos problemas de eliminación dos subprodutos, senón, tamén, polas súas consecuencias para a biodiversidade.

Esta é a primeira actividade organizada pola Escola Galega de Saúde Pública para colectivos diferentes do persoal sanitario, cumprindo así cun dos obxectivos da Escola, como é o fomento da formación en materia de saúde pública na sociedade. O número de prazas ofertadas nesta primeira edición é de 50, e, en función da acollida, valorarase a realización doutras edicións nas diferentes provincias co obxectivo de que todas as persoas cazadoras podan acceder a esta formación.

Os requisitos para a inscrición neste curso, que comenzou onte e remata o sete de outubro, son estar empadroado en Galicia e ter a licenza de caza en vigor no momento da inscrición no curso.

A inscrición realizarase cubrindo o formulario que aparece no seguinte enlace web https://enquisas.xunta.gal/index.php/217771?lang=gl e a selección será por riguroso orde de inscrición.

Pódese consultar o programa do curso así coma outra información de interese na seguinte páxina web: https://www.sergas.gal/Saude-publica/EGSP-curso-caza.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud