​A ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA DESTACA NO DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER A IMPORTANCIA DO DIAGNÓSTICO AVANZADO, O APOIO AO COIDADOR E A INVESTIGACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 09 2022

  

Santiago, 21 de setembro de 2022.- A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, conmemora o día Mundial do Alzheimer (este ano co lema  “InvestigaAcción. No itinerario da demencia”) destacando a  importancia do diagnóstico avanzado, o apoio ao coidador e a investigación, tres piares na asistencia á enfermidade.

 

O Alzheimer é a principal causa de demencia no mundo e especialmente en poboacións cunha elevada porcentaxe da anciáns como a galega, xa que o seu principal factor de risco é a idade.

A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza cubre unhas 450.000 persoas integradas en 46 concellos. As consultas de Neuroloxía Cognitiva compostelás avalían ao ano unha media de 3.200 pacientes que consultan por deterioro cognitivo e realizan un seguimento anual de 2.400 usuarios

A enfermidade de Alzheimer non afecta unicamente ao paciente, senón que supón unha transmisión do peso cara os familiares, e especialmente sobre aquel que ocupa o posto de coidador principal. “Aliviar esta carga supón unha das opcións máis realista dentro do tratamento” asegura o doutor Juan Manuel Pías Peleteiro, neurólogo especialista en deterioro cognitivo.  Con esta intención, dende a sección de Neuroloxía Cognitiva do Hospital Clínico de Santiago (cuxo responsable é o doutor José Manuel Aldrey) creouse un Grupo Hospitalario Interdisciplinar de Apoio ao Coidador, que leva desenvolvido unha serie de accións, tales como un proxecto de investigación co obxecto de  analizar distintas estratexias de afrontamento da enfermidade por parte dos coidadores principais.

 

Este proxecto culminou coa lectura dunha tese doutoral por parte da socióloga Ana Díaz Cortés un estudo que aporta resultados de interesante aplicabilidade como o feito de observar que a sobrecarga do coidador pode constituír unha excelente diana terapéutica, xa que a súa diminución está directamente relacionada co uso de terapias adaptativas  que  poden mellorar a calidade de vida tanto do coidador como do coidado.

 

Outros estudos que se abordan dende o servizo de neuroloxía (liderado por José María Prieto) analizan “o impacto do confinamento a causa do Covid-19 en coidadores e pacientes” que ten como obxecto a análise de como a situación de restrición de mobilidade variou os índices de sobrecarga e estratexias de mellora nos coidadores. Amais, ver como influíu a pandemia e confinamento no deterioro da enfermidade.

 

Neste momento tamén se está levando a cabo un estudo para coñecer a opinión dos usuarios da unidade con fin de establecer áreas de mellora. Asemade, publícanse pílulas formativas na Escola E-Saúde encamiñadas a mellorar o coñecemento e habilidades no desempeño das tarefas, xa que a implementación de pautas de coidado adecuadas vai reverter directamente na saúde do paciente retardando o seu deterioro, e guías en papel como a “Guía de apoio ao coidado, unha visión positiva” realzada co apoio da Fundación Paideia Galicia e que se lle entrega ás familias na consulta.

 

Seguindo coa formación, realízanse sesións presenciais para coidadores en diferentes concellos da área e no propio hospital, con especialistas de diferentes ámbitos como a neuroloxía, a socioloxía, a psicoloxía, a asistencia social ou incluso a arquitectura.

 

O doutor Pías destaca que “a sección de neuroloxía cognitiva do servizo de neuroloxía participa asemade, noutros proxectos de investigación en colaboración con outros servizos como o de Medicina Nuclear, co obxectivo de atopar factores de neuroimaxe característicos do envellecemento exitoso, ou coa posibilidade da persistencia de defectos persistentes tras a recuperación da COVID-19”.

 

Finalmente, dende o punto de vista asistencial,  protocolizouse o uso de biomarcadores no líquido cefalorraquídeo, que permiten un diagnóstico da enfermidade de acordo con criterios máis recentes.

 

 

Prevención

Desde o Grupo lembran que, xa que aínda non existe un tratamento curativo eficaz, aconséllase insistir na prevención: control de factores de risco vascular (diabete, HTA, colesterol), exercicio físico, dieta variada, estimulación cognitiva, manter relacións sociais o máis intensas posible, reducir consumo de alcohol e tratar a depresión.

 

 

 

Saúdos do Gabinete de Comunicación e Imaxe​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud