A
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 celebra
mañá pola tarde a XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia
dedicada á xestión global de incidentes de múltiples vítimas. O
acto será inaugurado polo conselleiro de Sanidade, Julio García
Comesaña, acompañado pola directora de Urxencias Sanitarias de
Galicia-061, Adriana Regueira Pan, e o presidente da Sociedade
Española de Urxencias e Emerxencias-Galicia, José Manuel Fandiño
Orgeira.
A
xornada, que terá lugar no salón
de actos da Consellería de Sanidade, estará
estruturada en torno a dúas mesas redondas nas que se tratará sobre
os sistemas de triaxe e a evolución na planificación e xestión de
incidentes de múltiples vítimas na Fundación Pública Urxencias
Sanitarias de Galicia-061.
O
obxectivo fundamental da XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia
é a actualización na xestión integral dos incidentes de múltiples
vítimas e catástrofes. Nestas situacións, que se caracterizan por
unha desproporción entre o número de vítimas e recursos nun
primeiro momento, resulta fundamental a actuación coordinada e
protocolizada dos diferentes corpos de emerxencias que deben levar a
cabo unha serie de actuacións para diminuír a mortalidade, previr
as secuelas e restaurar a situación previa ao incidente en
condicións de seguridade. Para conseguilo é necesaria a
clasificación axeitada das vítimas, a integración xeral dos plans
de emerxencia e o seguimento ordenado das instrucións deseñadas
para tal fin.
Galicia,
referencia internacional
Nos
últimos anos, producíronse na Comunidade Autónoma galega varias
situacións deste tipo que proporcionaron a oportunidade de aprender
e evolucionar na atención, constituíndo un exemplo a nivel mundial
de estrutura, organización, coordinación e xestión integradora que
debe ser compartido con todos os profesionais da emerxencia.
Ademais,
a existencia dun plan de emerxencias sanitarias específico e
integrado dentro do Plan Xeral de Emerxencias da Comunidade Autónoma,
dunhas instrucións técnicas onde se abordan todos os puntos
esenciais da asistencia e coordinación, así como a dispoñibilidade
inmediata de material de atención e intervención específicos,
sitúan a Galicia na vangarda da xestión integral deste tipo de
incidentes.
Por
todo isto e fiel ao seu compromiso coa mellora continua, a innovación
e a aprendizaxe, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contribuirá, a
través da celebración destas xornadas, ao coñecemento xeneralizado
das últimas novidades relacionadas coas actuacións neste campo, de
especial interese e sensibilidade, así como de gran impacto na
poboación xeral e especialmente no persoal sanitario.